Doce cartas a María Victoria Moreno

Ánxela Gracián elaborou unha biografía novelada da escritora


Santiago / la voz

O lobo Garimoso, ese animal bondadoso creado por María Victoria Moreno na súa primeira novela en galego, Mar adiante (1973), escríbelle agora doce cartas a súa creadora que servirán para lembrar a infancia da autora, as súas vivencias da mocidade, a súa concepción da docencia ou as súas lecturas. Deste xeito, a escritora e tradutora Ánxela Gracián articula unha biografía novelada da figura homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas en Doce cartas a María Victoria Moreno (Hércules de Ediciones), libro que ilustra Antonio Seijas.

Gracián optou por novelar, ao entender que o animal constituía a voz máis orixinal que podía achegar para facer a biografía de María Victoria Moreno. «Collo ese lobo bo como narrador porque descobre que hai unha escritora que vive en Pontevedra, que se chama María Victoria Moreno, e que nun libro dela o imaxina bo. Entón, ese lobo Garimoso decide ir ata Pontevedra, onde está a súa biblioteca, o IES Torrente Ballester, e le todo o que ela escribe e todo o que dela se escribe, que foi un pouco o que fixen eu. Emocionado por saber que alguén o soña como el quere ser, decide escribirlle doce cartas, nas que vai contando a súa vida», afirma a autora.

Gracián -que presentou onte a publicación nun acto na librería Couceiro de Santiago, acompañada por Xesús Alonso Montero e a editora Laura Rodríguez- destaca que Moreno é moi transparente nos seus libros. «Fala dela, non se distancia demasiado dos seus personaxes. Cando les as súas obras imaxinas facilmente que lle gustaban os outonos, o mar, que adoraba os cans, que tiña unha mirada de sensibilidade cara aos marxinados, os pobres, os mendigos...», explica a escritora e tradutora lucense, que deste xeito publica a súa primeira biografía novelada.

Galeguidade e docencia

As doce cartas que lle escribe o lobo Garimoso teñen como punto de partida un feito fundamental na vida de María Victoria, que é cando comeza a traballar en Lugo en 1965, dous anos despois da súa chegada a Galicia. «O seu xefe de departamento no instituto de Lugo é Xesús Alonso Montero, co que deseguida hai un encontro. Ela conciénciase de que aquí existe unha lingua e unha cultura propia, e ponse ao servizo dela asumíndoa como tal. Ese é o primeiro capítulo, no que certifico por qué Galicia enteira decide honrala este ano pola súa galeguidade. A partir dese encontro, recúo para atrás e vou da infancia ata a morte ,novelando os acontecementos da súa vida», detalla. Tamén ten un capítulo destacado, máis aló do relato cronolóxico por décadas, o xeito no que María Victoria Moreno entendía a docencia. «Ela era a profesora que todos queriamos ter», explicou Ánxela Gracián. Esta biografía novelada remata cun aceno ao Quixote e O principiño, dous libros que tamén deixaron unha fonda pegada na homenaxeada no Día das Letras Galegas do 2018.

Gracián, que agradece a colaboración doutros autores de biografías de Moreno, di que este libro está pensado para un público a partir dos dez anos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
16 votos
Comentarios

Doce cartas a María Victoria Moreno