O Consello da Cultura dedicará unha mostra ao discurso «Alba de Gloria» de Castelao
redacción / la voz
O Consello da Cultura Galega conmemorará o setenta aniversario da lectura do discurso Alba de Gloria de Castelao, o 25 de xullo de 1948 en Bos Aires, cunha exposición que se inaugurará no outono e que ten o obxectivo de dar a coñecer as circunstancias e orixes desta intervención.
Esta é unha das actividades aprobadas o xoves polo plenario da entidade, que tamén acordou recoñecer os apoios prestados á cultura galega, en especial no exterior, entregando as súas primeiras medallas a Ana Paula Laborinho, directora do Instituto Camões; Pablo Figueroa Dorrego, conselleiro laboral na embaixada de España en Brasilia; e, a título póstumo, a Francisco Lores Mascato, presidente da Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires. O pleno tamén aprobou as renovacións dos membros designados polas institucións que o compoñen: Alicia Estévez Toranzo, pola Academia Galega de Ciencias; Xurxo Gómez, pola Fundación Penzol; Eduardo Pardo de Guevara, polo Instituto Padre Sarmiento; e Ángeles Penas, polo Consello de Museos.
Comentarios