A RAG actualiza o léxico matemático do dicionario

A incorporación de 168 termos revisa esta área temática, como se está a facer coa física e se fixo coa astronomía


redacción / la voz

O Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega (RAG), formado por membros numerarios, correspondentes e persoal técnico da institución, é o responsable da actualización permanente do dicionario. Pero en ocasións é necesaria a colaboración de especialistas doutras disciplinas. É o caso da actualización do léxico matemático contido na obra, para o que se contou como base un informe elaborado por dez profesionais das tres universidades, o Instituto Galego de Estatística e do ensino medio.

O resultado, unha revisión que permitiu incorporar 168 novos termos, presentouse onte na sede coruñesa da entidade. Deses 168 termos, parte deles son entradas novas, mentres que outro grupo está formado por conceptos matemáticos que se incorporan con acepción propia á entrada de termos que xa figuraban no dicionario. Todas están dispoñibles para seren consultadas na versión en liña do dicionario.

Entre as novas entradas figuran palabras como hexadecimal -«[Sistema de numeración] que representa os números en base 16»-, grafo -«Representación gráfica constituída por puntos e segmentos de recta ou de arco, empregada para mostrar as relacións entre pares de elementos»- ou óvalo -«Curva pechada de forma ovoide ou elíptica, con un ou dous eixes de simetría»-. En canto ás novas acepcións en entradas incorpóranse conceptos matemáticos de vocábulos como interpolar, moda, mediana, congruencia, regresión ou transitivo; así como expresións como número pi, número alxébrico ou número abstracto.

Clara e accesible

A idea de revisar o léxico matemático do dicionario xurdiu nunhas xornadas de lingua e matemáticas que se celebraron na Universidade de Santiago no 2013. Foron o xermolo do grupo de traballo de especialistas que acometeu a revisión. «Pensamos que se a información proporcionada polo dicionario da terminoloxía matemática é clara e accesible, e é fiel ao concepto matemático que se describa, sen caer en simplificacións ou xeneralidades que provoquen erros, axudará a derribar a barreira que dificulta a transmisión de coñecemento a determinados sectores da sociedade que non están especializados», salientou María Victoria Otero Espinar, profesora de Análise Matemática da USC.

Votación
3 votos
Tags
RAG
Comentarios

A RAG actualiza o léxico matemático do dicionario