Promesas do cine antes dos 10 anos

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

SANDRA ALONSO

O certame Nós tamén creamos! esperta vocacións cinematográficas entre os alumnos de infantil e primaria

11 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As novas promesas do audiovisual galego son novas. Moi novas. Tan novas que están en educación infantil. En primeiro e en segundo. En terceiro e cuarto de primaria. As novas promesas do audiovisual galego son quen de facer unha curtametraxe coa técnica do stop motion -vaise gravando fotograma a fotograma- e contar a historia de cando o número 1 inventou unha arma mortífera porque se sentía un número moi pequeno. E tamén como é aprender a mirar. Que che aprendan que sempre hai que mirar, que é como se aprende a soñar. Ou que a un cativo hoxe ata a sopa que fai papá lle cheira mal. ¿Por que será?

As novas promesas do audiovisual galego botaron meses rodando. Roubándolle horas ás horas. Deseñando os escenarios, pensando en como tiñan que ser os personaxes das súas historias. As novas promesas compuxeron as súas pezas con milleiros de fotografías. Ás veces valían. Outras, o obturador era máis rápido que as mans que manipulaban o escenario. «Fixemos grupos pequenos, de catro. Dous manexaban a tableta e outros dous manipulaban o escenario». Explícao Verónica Camiña, a profesora -ao mellor desta vez era mellor definila como produtora executiva- de Que mal cheira!, a curta gañadora do premio na categoría de infantil do certame Nós tamén creamos! que organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística coa colaboración de OQO Editora e a CRTVG. Os pequechos do Santo Paio de Abaixo de Redondela contan a historia dun bebé que non entende por que ata as flores lle cheiran mal. Bea, que ten cinco anos, non pode escoller. O mellor foi «facer a peli». O seu compañeiro Teo, de seis anos, si que ten claro que foi o mellor da experiencia: «Facer o chupete e mover a cadeira». E xa están preparando outra película.

Experiencia motivadora

Foi unha experiencia motivadora para os alumnos do Santo Paio de Redondela. E para os do colexio Alfonso D. Rodríguez Castelao de Vigo, que gañaron na categoría de primeiro e segundo de primaria. E tamén para os estudantes de terceiro e cuarto de primaria do colexio Rodríguez Xixirei de Santiago, que foron premiados pola súa curta A guerra dos números. «Con moita paciencia», responde Iago Vázquez á pregunta de como se fai unha curta con nenos de primaria. «O máis importante é facer un bo equipo, porque unha película non a pode facer unha soa persoa». Iago Vázquez fixo equipo con Carmen Sampedro, a outra profesora encargada dunha curtametraxe que leva con ela moito traballo, case tres meses de traballo e de organización, e á vez pouco desembolso económico. Pódese dicir que A guerra dos números é unha curta de baixo orzamento. «Creo que gastamos en material non máis de 30 euros», porque foi todo material que tiñan.

As curtas de Nós tamén creamos! parten todas de textos editados por OQO Editora. ¿Como se escolle a historia? «Fixeron unha preselección dos contos que máis lles gustaban -explica Carmen Sampedro- e entre eses contos, o equipo mirou as posibilidades que tiñamos de facer calquera desas historias». Foron eliminando e ao final quedou A guerra dos números, «o máis visual».

Os estudantes «fixérono todo. Dende o primeiro escenario, todo o movemento. Nós só dirixiamos e dabamos algunha suxerencia».