O premio Morales de promoción do galego súmase ás accións sobre a lingua no Bierzo
CULTURA
O certame está dirixido aos dezanove centros de ensino do galego de León e Zamora
10 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Novas accións dinamizarán o galego no Bierzo, dentro do Programa de Promoción da Lingua Galega no Bierzo e en Sanabria que impulsan a Xunta de Galicia e a Junta de Castela e León. Trátase da primeira edición do novo Premio Morales para a Promoción do Galego no Bierzo, presentado onte polo secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García. O certame está dirixido aos dezanove centros de ensino do galego de León e Zamora. En total, son 1.100 os alumnos que estudan o idioma nestas dúas provincias, despois de que este curso se sumasen un cento que acoden ao CRA leonés de Cubillos del Sil.
«Sentimos orgullo de que o programa medre, tanto en centros adscritos e alumnado participante como en accións», destacou o secretario xeral. Ademais da presentación do premio, onte tamén se celebrou a décima edición da Xornada Martín Sarmiento, organizada pola Comisión Cultural Martín Sarmiento, en colaboración coa Xunta e a Junta, que reuniu en Villafranca del Bierzo a ese milleiro de alumnos. «Por décimo ano celebramos unhas xornadas nas que nos damos cita canda máis de 1.100 alumnos que seguen estudos de galego. Queremos seguir potenciando accións especialmente pensadas para eles, como este primeiro Premio Morales, que recoñecerá as súas mellores creacións artísticas en lingua galega», engadiu Valentín García.
O certame leva como subtítulo Tras os pasos de Morales: os magostos. Con el quérese poñer en valor a figura de Antonio Fernández Morales. Ten tres categorías: Debuxando o poema, para o alumnado de infantil ou primaria; Contando, poetizando e dramatizando o poema, para os de ESO e bacharelato; e un terceiro apartado, dirixido a maiores de 18 anos que estuden ou ben galego ou ben portugués na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada. Todas as creacións deben ser inéditas, orixinais e inspiradas no poema Os magostos, de Morales. O prazo para presentar propostas remata o 21 de xuño.
Na xornada de onte, os 1.100 alumnos participaron nos encontros e intercambios escolares, ademais de tomar parte na actividade de dinamización lingüística Radio Bule Bule, de Paco Nogueiras. Pola súa banda, os representantes institucionais celebraron unha xuntanza de traballo e para a tarde estaba programada, no Teatro Vilafranquino, a mesa de debate As arelas de Sarmiento.