Os alalás porán no bico un cantar a preto de 500 rapaces en Betanzos

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

XAIME RAMALLAL

A sexta edición desta iniciativa cultural celebrarase o vindeiro 1 de xuño

10 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Aquilo que se canta de cativo, non se esquece de vello. «Non o dixeches este ano, así que aproveito», comentáballe na presentación de No bico un cantar o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, ao director Maximino Zumalave, que lle retrucou que non o di porque xa non fai falla. «Xa o aprendestes». Ben, pois aquilo que se canta de cativo, non se esquece de vello. Así que preto de 500 rapaces e rapazas que estudan nos conservatorios profesionais de Galicia non esquecerán nunca os alalás. Porque a iniciativa No bico un cantar, que xa vai pola sexta edición, desta vez pon en valor as composicións populares, os alalás. O próximo 1 de xuño, preto de medio milleiro de cativos e adolescentes entoarán os alalás das Mariñas, de Muxía e Camariñas. E tamén se estreará o Alalá á vella maneira, unha composición de Manuel Rivas musicada por Teresa Bretal.

O concerto deste ano é un fito. É un fito porque por primeira vez en No bico un cantar se lle pon música á obra dun autor vivo. É un fito porque logo de cinco edicións con nome e apelidos, desta vez o que se canta é música popular.

«Comezamos no 2013, que era o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro», lembraba a vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez. Naturalmente, No bico un cantar comezou con Rosalía. «Logo foron vindo outros. Nas edicións anteriores cantamos a poetas importantes da nosa literatura»: Rosalía, Curros, Cabanillas. «Logo fomos cara á ría de Vigo para cantar aos poetas medievais, para Mondoñedo, para cantar un grupo de poetas mindonienses». Este ano «decidimos que lle tocaba a outros poetas, aos poetas populares, e polo tanto imos cantar alalás» acompañados musicalmente do Hércules Brass Ensemble. Alalás que a Maximino Zumalave lle abre unha panorámica na que se mergulla ata que «case perdo a conciencia de min mesmo e paso a formar parte desa paisaxe literaria, sonora tan bonita que nos achegan».

E cantarán alalás en Betanzos, no que será «unha xornada de convivencia», explicou Anxo Lorenzo. Tamén en Betanzos No bico un cantar é un fito. É un fito porque servirá, dalgún xeito, para dar comezo simbólico aos actos do 800 aniversario do traslado da cidade a onde esta situada actualmente. O oitavo centenario cúmprese no 2019.

«Esforzarémonos para que eses 500 nenos e nenas pasen na nosa cidade unha xornada inesquecible, non só arredor da música, senón na nosa cidade, que como saben ten un inmenso patrimonio histórico e cultural» explicou a concelleira de Cultura betanceira, María Barral.