Suso de Toro volve á novela con «Fóra de si», que enlaza coa súa obra anterior

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

Trátase dun libro no que volve a estar presente a oralidade, a viaxe ao pasado, as relacións entre irmáns e entre pais e fillos, o paso da cidade ao campo e o carácter fragmentario

03 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Sete palabras (2009) era, ata o de agora, a última novela do escritor Suso de Toro. Despois dela anunciaba a súa despedida da literatura. «Non tiña pensado volver a editar máis cousas, pero, a partir dun momento determinado, logo dunha pausa duns anos, a cabeza non para, e volvín de novo. Algunhas das ideas que ía depositando empezaron a xermolar dentro e empecei a escribir algunha cousa, e cando tiven tempo púxenme cunha obra dunha certa envergadura», explica o autor. O resultado é Fóra de si (Xerais), que chega despois dun proceso de irse reconstruíndo «pouco a pouco».

Trátase dun libro, segundo destacou o editor Manuel Bragado durante a presentación celebrada onte na librería compostelá Numax, que «enlaza coas súas obras anteriores. Regresa cunha novela onde está todo o seu ADN como narrador». Neste sentido, indicou que volve a estar presente a oralidade, a viaxe ao pasado, as relacións entre irmáns e entre pais e fillos, o paso da cidade ao campo e o carácter fragmentario. «É moi Suso de Toro», concluíu.

O autor explicou que escribir despois de Sete palabras converteuse para el nun desafío, porque ese libro viviuno como o momento no que deu de si todo o que podía. «Facer despois diso unha novela, un romance, parecíame case banal», afirma.

En Fóra de si presenta ao neurocirurxián Ricardo Marzoa, que está sobrepasado tanto na súa vida laboral como familiar, co seu pai enfermo, para abordar se é posible reconstruír unha vida unha vez superada boa parte dela. Trátase dunha novela na que se alternan capítulos de texto dialogado con monólogos, conformando as únicas voces que narran e configuran os personaxes. Ao igual que fixera noutras obras, hai unha ausencia total de narrador. «Sempre tiven pudor a usar a voz narradora en terceira persoa», explicou De Toro, que engadiu que este libro «é unha montaxe cinematográfica, a medio camiño entre a teatralidade e o cinema. Son secuencias nas que os personaxes falan entre eles, actúan, e é o que le quen constrúe o texto». Proximamente publicará Dentro da literatura.