Méndez Ferrín recibe o Premio Laxeiro como recoñecemento a súa obra

La Voz VIGO / LA VOZ

CULTURA

«Os cadros de Laxeiro contribuíron a formarme nas artes escénicas. Sendo rapaz os seus cadros formaban parte dos meus soños; as súas cores, a súa luz, as súas historias enchían a miña imaxinación», explicou o escritor

25 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Luís Méndez Ferrín recibiu onte de mans do alcalde de Vigo e presidente do padroado da Fundación Laxeiro, Abel Caballero, o Premio Laxeiro 2018 como recoñecemento ó seu labor literario.

«Os cadros de Laxeiro contribuíron a formarme nas artes escénicas», comezou dicindo un visiblemente emocionado Méndez Ferrín». «Sendo rapaz os seus cadros formaban parte dos meus soños; as súas cores, a súa luz, as súas historias enchían a miña imaxinación», explicou o escritor, que recibiu o galardón no transcurso dunha comida que todos os 24 de febreiro celebra o nacemento de Laxeiro no mesmo restaurante que adoitaba acudir cos seus amigos nesa mesma data.

«Xosé Luís Méndez Ferrín soñaba con Laxeiro, na narración dos seus cadros porque todos eles contaban historias; é un dos maiores renovadores da cultura galega», sinalou na súa intervención Manuel Bragado, director xeral de Edicións Xerais de Galicia e editor de Méndez Ferrín, de que se declarou «permanente seguidor» Abel Caballero.

Entre os máis de cen asistentes atopábanse o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; os artistas Acisclo Manzano, Xosé María Barreiro, Antón Pulido, Silverio Rivas (Premio Laxeiro 2016) e Xavier Magalhaes, entre outros.