Caldo de gloria á saúde de Rosalía

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN / LA VOZ

CULTURA

MERCE ARES

O cociñeiro Pepe Solla serviu na Casa de Padrón unha receita propia para conmemorar os 181 anos da escritora

25 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia conmemorou onte o Día de Rosalía, 24 de febreiro, data do nacemento da escritora hai 181 anos, e fíxoo dun modo moi galego e moi popular: comendo e degustando un caldo que sabe a gloria, como aquel que fixo a autora e así lle soubo, segundo ela deixou escrito no seu poema Miña casiña, meu lar, de Follas novas.

É o segundo ano que a Fundación Rosalía de Castro de Padrón promove esta iniciativa, coa que pretende que Galicia «lembre a Rosalía no seu día compartindo en lugares públicos ou no ambiente familiar este caldo dos humildes, o desta muller que nos representa a todos», segundo sinalaron dende a entidade.

Deste xeito, o caldo de gloria serviuse estes días en máis de 130 restaurantes galegos, dende A Coruña a Celanova e Vigo, pasando por Padrón e Ferreira do Valadouro, entre outros. Tamén se uniron á proposta varios colexios, que incorporaron o caldo ao menú escolar, ou o propio El Corte Inglés, ademais de Concellos como Ames, Teo, Padrón, Brión, Santiago de Compostela, Celanova ou Ponteceso.

E este sábado tamén se degustou o caldo de gloria na propia Casa de Rosalía, na Matanza, que pola tarde recibiu a visita de numerosas familias con nenos e mesmo se veu desbordada á hora do caldo. Foi preparado polo cociñeiro Pepe Solla, do Grupo Nove, posuidor dunha estrela Michelin no seu restaurante de Poio Casa Solla. Con el estiveron facendo os bolos do pote tres das mulleres responsables da Festa do Bolo do Pote de Mazaricos, que se celebrará o próximo domingo: Laura Prado, Esther Muíño e María García Tuñas.

O cociñeiro elaborou o caldo de gloria con receita contemporánea, pero mantendo o «espírito» do de Rosalía de Castro, que o cociñou co que tiña na casa. En plena tempada de cocidos e de grelos, Pepe Solla engadiulle a cacheira, que gusta especialmente, segundo dixo. Unha vez cocida, a reutilizou e a serviu aparte, a modo de bocado sobre unha folla de cogollo, todo elo con influencia dunha receita coreana, segundo explicou.

Para o cociñeiro foi unha «honra» e un «orgullo» que a Fundación Rosalía de Castro se acordase da gastronomía e do seu oficio e o fixera partícipe da celebración dun día tan sinalado na cultura galega.

Pola súa banda, o presidente da fundación rosaliana, Anxo Angueira, declarou a súa «satisfacción e orgullo» pola acollida que tivo a iniciativa do caldo de gloria por todo o país, así coma o resto de actos. Lembrou que, coa iniciativa do caldo de gloria, o que se pretendía é que toda Galicia celebre a Rosalía a partir do seu poema Miña casiña, meu lar, no que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia protagonizada por unha muller.

«Queríamos que en lugares públicos, coma os comedores escolares ou os locais de hostalería, ou tamén no ambiente familiar e íntimo, Galicia se lembre de Rosalía a través da nosa gastronomía popular e das leccións que nos dá a protagonista do poema: como sobrevivir e mesmo ser feliz a pesar da penuria e das adversidades».

Co caldo de gloria nas cuncas e co concerto do Trío Rosalía remataron os actos do día en Padrón, que comezaran pola mañá en Santiago. A xornada en Compostela abriuse na Alameda cunha ofrenda floral fronte ao monumento á escritora. Continuou na capela do Hostal, onde Rosalía foi bautizada, nun acto no que distintas personalidades leron versos da súa obra. E xa pola tarde, as campás de Bastavales, en Brión, soaron dun xeito máis rosaliano grazas a unha visita teatralizada.