O escritor ourensán Xosé Luís Méndez Ferrín, premio Laxeiro 2018

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O galardón é un recoñecemento a toda unha vida dedicada á literatura galega, na que, coas súas obras, acadou un nivel de calidade excepcional

23 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Na súa reunión anual, celebrada o pasado 20 de decembro, o padroado da Fundación Laxeiro acordou por aclamación outorgar o premio Laxeiro 2018 ao escritor ourensán Xosé Luís Méndez Ferrín (1938), como recoñecemento a toda unha vida dedicada á literatura galega, na que, coas súas obras, acadou un nivel de calidade excepcional, segundo indica o padroado.

Como é habitual, o acto de entrega do premio terá lugar na tradicional comida que todos os anos as persoas achegadas a Laxeiro celebran no aniversario do nacemento do pintor lalinense, e que nesta ocasión terá lugar o próximo sábado no restaurante vigués Puerta 98, en Alcabre, no que, antes de comezar a degustar o tradicional lacón con grelos, o presidente da Fundación Laxeiro e alcalde de Vigo, Abel Caballero Álvarez, entregará o galardón a Xosé Luís Méndez Ferrín. O poeta e narrador, autor de Amor de Artur (1982), pasará así a formar parte do selecto elenco de personalidades que, dende o ano 2004, veñen recibindo este importante premio, como recoñecemento ao seu labor a prol da cultura galega. Entre eles, Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla, Isaac Díaz Pardo , Carlos Oroza, Antón Lamazares, Xosé Neira Vilas, Carme Kruckenberg, Luis María Caruncho, Jorge Castillo, Luz Pozo, Silverio Rivas, Amancio Prada e Jaime Garrido.