O Día da Lingua Materna xirou arredor do pergamiño Vindel

La Voz VIGO / LA VOZ

CULTURA

fgj

O Museo do Mar de Vigo acolleu un encontro dirixido a nenos de infantil

22 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Rede de Dinamización Lingüística festexou onte o Día Internacional da Lingua Galega no Museo do Mar de Vigo, onde se expón ata o vindeiro mes o pergamiño Vindel, que recolle as cantigas de Martín Codax. Alumnos de 4.º e 5.º de infantil dun centro de Cesantes, en Redondela, puideron escoitar o Cancioneiro miúdo da voz dos trobadores Alfredo e Christian, do grupo A Roda, antes de pasar pola sala onde se amosa o documento medieval.

Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, quixo chamar a atención sobre «a permanencia e transmisión de xeración en xeración na mesma lingua galega na que Martín Codax cantou hai oito séculos, a través dunha cadea que nos liga co noso pasado e co noso futuro e que as presentes xeracións temos a obriga e a responsabilidade de manter».

O lema da Unesco para a celebración, coa que se quere impulsar o coñecemento e a práctica das linguas maternas en todos os eidos da sociedade, é preservar a diversidade lingüística e promover o plurilingüismo para apoiar os obxectivos de desenvolvemento sustentable. Con el quérese destacar o papel das linguas locais, especialmente as minoritarias, para lograr unha educación de calidade que permita que cada persoa poida chegar a ser todo o que desexa e a integrarse plenamente na sociedade.

A Xunta vén sumándose a esta conmemoración desde o 2011 e a Rede de Dinamización Lingüística incorporouse a ela dous anos despois, tras a súa creación, contextualizándoa en Galicia, orientándoa á promoción e transmisión da lingua galega e celebrando cada ano un acto institucional en colaboración cun dos seus concellos adscritos. O portal da lingua galega www.lingua.gal ofrece información e recursos sobre o Día Internacional da Lingua Materna deste ano.

Acompañaron ao secretario xeral de Política Lingüística nesta conmemoración o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, as concelleiras de cultura e educación de Redondela, Teresa París e Ángela Antón, e o director do Museo do Mar, Vicente Caramés.

Pola súa banda, a Real Academia (RAG) difundiu onte a publicación Lingua e sociedade en Galicia. Resumo de resultados 1992-2016, cuxa visión panorámica é unha advertencia da crecente ruptura da transmisión interxeracional da lingua galega, e duns usos minguantes pola xente máis nova, especialmente nas zonas urbanas e periurbanas.