Talía Teatro cumpre 30 anos coa estrea de «O servidor de dous amos»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

Representará dende mañá ata o sábado en Santiago unha revisión da comedia do XVIII trasladándoa á actualidade

13 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A compañía Talía Teatro cumpre tres décadas enriba das táboas cun novo espectáculo de gran formato, O servidor de dous amos, que estreará mañá, ás 20.30 horas, no Teatro Principal de Santiago, onde poderá verse ata o sábado. «Con esta peza celebramos os trinta anos da compañía. Os primeiros deles, ata o 96, foron como afeccionados, pero a partir de aí fomos adquirindo unha certa profesionalidade ata chegar a unha consolidación que conseguimos agora cun equipo estable de dez persoas, que levamos varios anos afondando sobre espectáculos de gran formato», explicou onte o actor e director da compañía Artur Trillo.

 Unha nova peza na que Talía Teatro quixo ter en conta os profesionais que dende 1988 estiveron ligados á compañía, tratando de que puidesen participar todos os compoñentes en activo. O resultado é un elenco artístico formado por Xurxo Barcala, Toño Casais, Marta Lado, María Ordóñez, Marta Ríos, Artur Trillo, Dani Trillo e Diego Rey, este último tamén encargado de realizar esta versión do texto de Carlo Goldoni do século XVIII e da dirección da obra.

«A versión nace como unha celebración dos trinta anos e, para nós, está presentada como un divertimento. Pretendiamos pasalo nós ben e esperemos que o público tamén o faga», asegurou Diego Rey. Para iso, trasladaron un dos textos referenciais da Commedia Dell’Arte italiana á actualidade. Os contratos matrimoniais da obra orixinal son substituídos por licitacións empresariais, nesta peza, para a construción dun hospital; e os nobres e mandatarios serán neste espectáculo empresarios e políticos. «Queremos darlle a nosa achega partindo desa idea da mentira como mecanismo social que permite avanzar na nosa sociedade (...). Ten que ver co mundo da picaresca española, onde os personaxes están dispostos a facer todo o posible para conseguir os seus obxectivos. Facemos a nosa versión, que non deixa de ser unha exposición dos tipos presentes na nosa sociedade actual, pero con distanciamento. Non falamos de Galicia, non falamos de España, pero todo o mundo vai ver referencias moi claras á nosa sociedade, quizais un pouco anestesiada de tan constante exposición a determinados asuntos», engade o director. O actor Dani Trillo destacou a espectacularidade da escenografía, e a actriz María Ordóñez, o arriscado da proposta.

Dende a compañía agradeceron a colaboración da Agadic neste espectáculo, e do Concello de Santiago, onde onte se presentou a proposta, que o domingo chegará a Cee e xa en marzo poderá verse en Lugo e Ourense.