«No disco quixen homenaxear ao silencio»

Dolores Vázquez A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

ANGEL MANSO

Presenta hoxe «Silence Lovers Club-Mandolin Pieces» no Auditorio de Vigo

10 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Eu quería ser músico, non tiven moita noción de como aconteceu», sinala Fernando Barroso (Ferrol, 1979), que presenta hoxe, no Auditorio Municipal de Vigo, Silence Lovers Club-Mandolin Pieces, un traballo no que toca a mandolina e no que se acompaña da violonchelista Margarida Mariño. O álbum é continuación dun proxecto individual editado hai dous anos con múltiples colaboracións, e que supuxo o arranque dunha defensa en solitario da súa música tras pasar por bandas como Riobó, Os Cempés, Assembly Point ou TRIM e colaborar con músicos como Budiño, Júlio Pereira ou Xabier Díaz. Aínda que contido nas emocións a nivel persoal, o disco destila alegría, que na súa presentación irá referendada coa participación, como artista convidada, da poderosa cantante lusa Celina da Piedade.

-A aposta pola mandolina, cando menos, é singular.

-Se cadra é o punto de vista deste lado da Península, noutros lugares é moi común. Dáme versatilidade, porque é un instrumento que permite melodías protagonistas, tamén acompañar, ten recursos rítmicos e sendo pequeniña é máis cómoda. Para viaxar nos avións vouno agradecer moito porque estannos poñendo moitos problemas para transportar instrumentos grandes. No último ano o que estiven facendo é crear un repertorio novo con mandolina para levar ao directo con arranxos de violonchelo, e inmediatamente chamei a Margarida Mariño, que xa colaborara no anterior disco.

-Está enfocado ao directo.

-Intropía, o anterior, non o fixen nunca porque me deixei levar pola inercia de meter moitas cousas e decidín, neste segundo, un formato máis pequeno que vai inmediatamente ao directo. O disco ilústrase como se fose o anuncio dun espectáculo ao vivo nun club de música, nunha cidade calquera. Con este club imaxinario pensei en facerlle unha homenaxe ao silencio, que me parece un concepto interesante a nivel musical e social, xa que estamos nun momento de gran ruído social. Traducido o nome sería o Club dos Amantes do Silencio-Pezas de Mandolina.

-Refírense a vostede como virtuoso.

-Non sei, nunca se sabe o que falan dun. Cando vexo a outros músicos o que me fascina deles, máis que o virtuosismo técnico, é a capacidade de crear melodías que te cativen. A creatividade e a orixinalidade das composicións é o que intento procurar para min.

-Desta, ata canta.

-É unha cousa anecdótica, rematei o repertorio e fixen unha revisión de cancións populares e adapteinas. Para Ausencia, unha canción popular de Marín dediqueilla a Ferrol e convidei a unha amiga portuguesa, Celina da Piedade, e en Barqueirinho, para as probas gravei voz e o tema estaba preparado para que alguén o cantase, pero un tolo díxome: «Podes cantala ti» e vinme arriba. Decidín cantala con Margarida. É algo anecdótico, con todo o respecto do mundo aos cantantes profesionais.

-¿Como ve o sector?

-En España, e en Galicia máis, a música foi con atraso con respecto ao resto do planeta. Se cadra estamos facendo as cousas mellor agora, os músicos xuntáronse nos últimos anos, hai unha cooperativa, e hai elementos que axudan a que funcione moito mellor. Sempre hai creatividade e cousas interesantes, o que faltaba, e se cadra falta un pouco, é un trampolín, a plataforma para non quedarmos todos aquí e espallar a cultura galega fóra, que é o que a todos nos interesa. Se temos unha etiqueta de música galega non será para dixerila só nós, ten que ser un fenómeno como a música brasileira, irlandesa ou portuguesa... Temos ese potencial e hai artistas que o conseguiron.