Carlos Maside, o retratista da memoria

HÉCTOR J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Retratos de Rosalía de Castro y Castelao
Retratos de Rosalía de Castro y Castelao

Publican un libro sobre o artista pontevedrés que recompila 190 debuxos, caricaturas e siluetas de grandes personaxes contemporáneos do pintor e feitos sobre a marcha

08 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«La voluntaria seguridad de la línea se mantiene naturalmente en esa frontera sutil entre lo subjetivo y la objetividad y describe al mismo tiempo al artista y su modelo. Tienen todos la dosis de carácter precisa para individualizarlos, singularizándolos sin que dejen de pertenecer a un mismo mundo claro y coherente». Este fragmento dunha carta que a finais de xaneiro de 1954 escribe Carlos Maside ao seu amigo Luís Seoane, e que contén un afectuoso eloxio dos seus retratos compilados no libro Testimonios de vista. 33 retratos en dibujos (Botella al Mar, 1952) -que o debuxante lle enviara desde Buenos Aires-, ben podería falar da súa propia obra e do volume que onte se presentou en Compostela: Maside. A presenza do ausente. Trátase dun tomo -publicado polo Consorcio de Santiago e a editorial Guiverny- que reúne 190 retratos realizados sobre papel, a lapis ou a pluma, polo pintor pontevedrés, que queda á súa vez retratado nestes debuxos, bosquexos, siluetas, apuntamentos e caricaturas de personaxes que lle son contemporáneos. Todos -salvo o de Rosalía- foron feitos de forma presencial, como recorda a crítica de arte Mercedes Rozas, que achega a este libro un texto introdutorio.

Retrato de Valle-Inclán junto a una foto de Carlos Maside trabajando al aire libre
Retrato de Valle-Inclán junto a una foto de Carlos Maside trabajando al aire libre

Rozas explica que Maside traballaba neles sobre a marcha, dunha maneira improvisada, no momento, no medio dunha charla, un paseo ou un xantar compartidos. A maioría correspóndense coas décadas dos 30 e 40, aínda que algúns como o de Otero Pedrayo vanse aos 50. «Son os anos previos á Guerra Civil e os da posguerra, do exilio interior -subliña-, cando o pintor, mestre represado, se pecha na súa casa de Compostela, na rúa do Vilar, coa irmá e os sobriños, consciente de que moitos dos seus compañeiros acabaron mortos ou tiveron que cruzar o Atlántico». Non hai nestas obras unha grande elaboración, son intuitivas, algunhas apenas cuns trazos, non está pensando nun traballo previo ao óleo. Pero isto non indica, incide Rozas, desleixo: «El está facendo memoria, e sábeo, recollendo, sentando testemuño, case coma se fose un fotógrafo. De feito, gardaba e arquivaba todo nunhas carpetas».

Desas carpetas, que conserva o seu sobriño Xulio, saíron, hai un ano, para a súa exposición na Casa do Cabido, despois dun fondo traballo de documentación por parte de María Esther Rodríguez Losada, biógrafa do pintor e autora do texto que abre agora Maside. A presenza do ausente. Rodríguez sostén que este libro recolle o relato dos contemporáneos de Maside, que tecen e comparten un mesmo tempo histórico, o de entreguerras, coa idea divulgativa e didáctica de que moitos deles fosen nun futuro rehabilitados.