A RAG ampliará o seu demandado dicionario cunha base de palabras técnicas

R. G. A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Cabalar | Efe

Manuel González salientou que a institución «está facendo un traballo extraordinario con recursos realmente limitados. Isto é posible grazas ao esforzo dos traballadores da Academia e dos propios académicos»

31 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Proximamente o que imos facer é un enlace complementario do dicionario, de maneira que as palabras especializadas que busque unha persoa, un profesor de matemáticas, por exemplo, que non lle aparecen no dicionario, pois que automaticamente salte a busca a outra base de datos que lle dea a resposta». Isto adiantou onte o académico Manuel González, falando dun novo servizo que ofrecerá a Real Academia Galega. Esta nova base de datos será a que facilite «a terminoloxía altamente especializada», explicou o responsable da área de lexicografía da RAG e, polo tanto, do seu demandado dicionario.

«Para nós é unha especie de orgullo, de alegría e de festa o feito de que a Academia sexa o referente máis significativo no mundo da lingua e da lexicografía», afirmou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, falando «duns 56.000 usuarios e máis de 76.000 descargas da aplicación a móbiles» do dicionario da RAG.

Esta ferramenta, dixo González, «é un servizo que ten que ofrecer a Academia porque é unha das funcións. O que conforta ou reconforta é a ampla receptividade social que ten». Para o académico, «a implicación da Academia coa sociedade é fundamental, e no campo da lexicografía, á parte das consultas, hai un número diario moi alto de suxestións, de consultas sobre cousas que non aparecen no dicionario, sobre palabras, sobre acepcións, sobre significados específicos dunha zona que non aparecen recollidos, e a Academia ten que estar continuamente dando resposta a todas estas preguntas, que non son só consultas».

Esforzo e poucos recursos

Tamén salientou González que a institución «está facendo un traballo extraordinario con recursos realmente limitados. Isto é posible grazas ao esforzo dos traballadores da Academia e dos propios académicos». A revisión de 200 palabras que teñen que «revisar para actualizar» é a tarefa urxente na que están agora.

Tamén Freixanes falou de que «a Academia ten os medios que ten». «Estamos facendo un enorme esforzo de produtividade interna», explicou, e adiantou que están «petando ás portas» de entidades publicas e privadas en demanda de axudas.