Os irmáns Villar Ponte: o tándem que fixo espertar a cultura galega

Lucía Rey
Lucía Rey VIVEIRO / LA VOZ

CULTURA

Un dos retratos de Antón Villar Ponte conservados
Un dos retratos de Antón Villar Ponte conservados Real Academia Galega

Emilio Ínsua e Xurxo Martínez publican una biografía conxunta

28 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai pouco máis dun século, o galego era considerada a lingua dos pobres, e estaba totalmente marxinado na escola, na universidade ou nos actos da Igrexa, por non falar da política. Desa situación de discriminación foron plenamente conscientes dous irmáns nacidos en Viveiro, Antón (1881-1936) e Ramón Villar Ponte (1890-1953), que durante dúas décadas formaron o tándem perfecto que fixo espertar a cultura galega dunha vez por todas. En torno á relevancia e á transcendencia das figuras que impulsaron a creación das Irmandades da Fala no 1916, xira Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte, escrita por Emilio Xosé Ínsua López e Xurxo Martínez González, e que vén de publicar Xerais. «Desde que eran moi novos, ata que a morte levou a Antón en marzo do 36, pouco despois de ser elixido deputado da Segunda República pola Fronte Popular [morreu antes de tomar posesión], a sintonía entre os dous irmáns foi moi profunda, tanto no persoal, xa que se tiñan un afecto enorme que viña condicionado pola tráxica historia da súa familia, como no ideolóxico e no activismo», sostén Ínsua, que é doutor en Filoloxía Galega e profesor no IES A Basella, de Vilanova de Arousa.

Pais do nacionalismo

Antón e Ramón foron quen de «saír á busca» doutras persoas que sentisen o mesmo: xornalistas, pintores, músicos... Homes e mulleres «valiosos e con moito talento» coa percepción de que o remedio aos problemas de Galicia pasaba por «unha solución global que identificaron coa ideoloxía nacionalista». «Prodúcese -apunta Ínsua- un salto cualitativo extraordinario, e por primeira vez na historia de Galicia, pese aos desacordos e discrepancias sobre cal era o mellor camiño a seguir, que tamén os houbo, calla unha asociación, un cerebro colectivo para planificar actividades en favor da lingua e da cultura galegas». A partir deles prodúcese unha eclosión de iniciativas editoriais, periódicos, revistas, grupos de teatro, formacións políticas...

Para elaborar un relato tan complexo e pormenorizado, Ínsua e Martínez utilizaron cantidade de material hemerográfico e fotográfico, artigos, cartas, libros e demais conservados nas bibliotecas da Real Academia Galega, a Fundación Penzol de Vigo e o Parlamento de Galicia. «E tanto Xurxo coma min tivemos a sorte e o privilexio de poder tratar nos últimos anos da súa vida a Teresiña, a filla de Ramón, que é fundamental na conservación dese legado. Foi unha muller sempre entusiasta e entregada á causa de dar a coñecer e facilitar o acceso a todo o que tiña ver co seu pai e o seu tío, polos que sentía devoción», conclúe.

Ramón é o gran descoñecido, pero foi igual de relevante que Antón

Ramón Villar Ponte, na súa casa da Coruña, nos seus últimos anos
Ramón Villar Ponte, na súa casa da Coruña, nos seus últimos anos Xerais

«O feito de abordar a biografía dos dous irmáns á vez é para intentar reparar o esquecemento, esa especie de marxinación que sufriu Ramón, posto que a figura de Antón está moito máis presente, e penso que a figura dos dous é igual de relevante no panorama do tempo histórico que lles tocou vivir», explica Emilio Ínsua, que tamén é orixinario de Viveiro, igual que os Villar Ponte. Tras quedar orfos de nai moi novos e perder a tres irmáns vítimas da tise, Antón e Ramón quedaron ao cargo de dúas tías, Celia e Clementina, e do seu pai, Ponciano Villar, que regresara de Cuba convertido «nunha especie de indiano rico»; o que lle permitiu á familia vivir de rendas «mentres puido». Iso fixo posible que Antón estudase Farmacia en Compostela e Ramón, Filosofía e Letras en Madrid. Máis tarde, Antón sempre viviu do xornalismo, publicando milleiros de artigos en cabeceiras como La Voz de Galicia, El Sol ou El Pueblo Gallego, e revistas de Arxentina ou Cuba. Mentres, Ramón nunca tivo un traballo como tal, polo que puido dedicarse a ler e estudar. «Niso dan un perfil un tanto diferente. Antón é máis un pulsador do día a día, da actualidade, un home que non ten tempo para reflexionar en pausado, pero cunha enorme capacidade para ler as tendencias ou o que se ha de facer. Ramón é máis intelectual, máis erudito, de pensamento máis profundo, pero con menor transcendencia para o público en xeral», explica Ínsua.