A «xenialidade truncada» de Camilo Díaz Baliño protagoniza o Día Galego da Ilustración

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

26 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Camilo Díaz Baliño foi creador. Foi artista gráfico, foi escritor, foi intelectual galeguista. Foi membro das Irmandades da Fala. Foi -é- o pai de Isaac Díaz Pardo. Camilo Díaz Baliño foi detido. Foi paseado e asasinado nunha cuneta de Cerceda. Enterraron o corpo. Pero non foron quen de enterrar o xenio. O Día da Ilustración 2018, que se celebra o vindeiro 30 de xaneiro, dedícase este ano a Díaz Baliño, que será o protagonista da mostra que organiza a Biblioteca de Galicia. Cincuenta e catro pezas reunidas baixo o título de Camilo Díaz Baliño: a xenialidade truncada, entre libros, debuxos, documentos persoais, fotografías e manuscritos. A xenialidade truncada verase a través dunha caricatura de Díaz Baliño realizada por Álvaro Cebreiro. A través de debuxos orixinais do artista para distintas escenografías, un álbum de fotos, manuscritos de membros das Irmandades da Fala, capas de libros realizadas por el mesmo e debuxos sobre a cabalgata que se celebrou o 25 de xullo de 1926.

O presidente da AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración), Sergio Covelo, presentou onte o plan de actividades completo a canda o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; Xosé Díaz, neto de Díaz Baliño; e Minia Regos, autora da imaxe do cartel. O programa pódese consultar na web diadailustracion.gal.