
O volume reúne os relatos cos que a escritora agasallaba ás súas amizades
23 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.A poesía foi o xénero polo que foi principalmente coñecida María do Carme Kruckenberg (Vigo, 1926-2015), pero a escritora tamén cultivou a narrativa, dun xeito case secreto ou, se se quer, no seu círculo máis íntimo. Entre 1998 e 2012 publicou periodicamente, en edicións non venais, un monllo de relatos que servían de agasallo para as súas amizades máis íntimas. Estes textos recóllense agora no volume O morto asasinado (Galaxia), nunha edición ao coidado de Mercedes Queixas. A estes quince contos súmanse outras sete pezas breves que viron a luz en 1999 para homenaxear a Roberto Blanco Torres, no ano en que se lle dedicaba o Día das Letras, estampas memorialísticas que deron ao prelo a Unión Comarcal de Comisións Obreiras de Vigo e o Concello desta cidade. Entre estes sete textos figura o que dá título a esta nova recompilación, e que recrea un episodio de corte biográfico, cunha clara intención da autora de reparación moral para quen sufriron os prexuízos derivados desta historia.
O ton deses sete relatos agrupados orixinariamente en Historia na memoria contrasta coas quince pezas que foron concibidas como agasallos. Os espazos de proximidade -a propia cidade de Vigo, Padrón ou Tui- mantéñense, pero bule neles un espírito fantasioso que atopa o marabilloso no cotián. Destaca, tamén, o feito de que teñan por protagonistas a animais do máis fantástico: un paxariño sevillano que é quen de falar, o ratiño don Reberte, desexoso de escribirlle cartas de amor á súa namorada, unha pulga do máis agarimoso, un gato que viaxa en coche con chofer, un peixe voador, un can debuxado con estrelas ou un moucho que percorre un camiño de melancolía e unha tartaruga afeccionada a comer o corazón branco do repolo. Canda eles, un osiño de peluche que ten vida de seu, unha parella de sereas con gusto polas leitugas ou un trasno que viaxa nas bolsas de plástico dos supermercados.
A lectura de O morto asasinado permite tamén identificar algunhas das constantes que alimentaron a creación literaria de María do Carme Kruckenberg. A fabulación nos espazos cotiáns, pero tamén o interese pola natureza, as viaxes, a música ou as artes plásticas. Este último apartado tamén está presente no libro, xa que reproduce algunhas das ilustracións coas que Eva Lloréns, Mercedes Lence, Gonzalo Suárez, Antón Goyanes e a propia escritora contribuíron aos volumes de edición non venal que publicaba baixo o persoal selo de Iniciativas Gutenberg. De cada volume adoitaban imprimirse un cento de exemplares, numerados e asinados pola autora.
Esta convivencia entre literatura e arte é definida por Mercedes Queixas -autora tamén da biografía de Kruckenberg Vivir, unha aventura irrepetíbel- como «vasos comunicantes» habituais na obra da poeta, quen traducía a súa curiosidade natural nas páxinas que creaba, alimentadas tamén por «unha profunda vocación de escrita comunicadora», segundo a editora do volume. «A sinxeleza do cotián, a observación delicada do que nos rodea, o ensimesmamento na beleza das palabras, a recreación vivencial desde a palabra medida; volvemos á voz persoal sempre envolvente de María do Carme Kruckenberg Sanjurjo», escribe Queixas.