«A derradeira lección do mestre» verase en Galicia por primeira vez

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O óleo de Castelao, que nunca saíu da Arxentina, formará parte dunha mostra no Gaiás a finais deste ano

17 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A derradeira lección do mestre, un dos cadros máis simbólicos de Castelao, viaxará por primeira vez a Galicia. O óleo, que na actualidade se atopa no Centro Galicia de Bos Aires, formará parte dunha mostra sobre o artista e intelectual galeguista que se celebrará no Museo Centro Gaiás no último trimestre deste ano. Segundo anunciou onte a Xunta, a Consellería de Cultura chegou a un acordo para que A derradeira lección do mestre, que nunca saíu da Arxentina, poida exhibirse en Galicia. Esta cesión materializarase nun convenio que está previsto que sexa asinado no vindeiro mes de febreiro. Entrementres, xa se traballa na concreción das condicións técnicas do préstamo, para garantir a seguridade e profesionalidade do difícil traslado dunha obra destas características.

Castelao pintou este cadro no ano 1945 na Arxentina, onde se exiliara definitivamente despois da Guerra Civil. A sublevación de 1936 colleuno en Madrid, onde traballou para o goberno da República, tarefa que desempeñaría ao ano seguinte en Valencia. Foi aquí onde debuxou os dous primeiros álbums da guerra, Atila en Galicia e Galicia mártir. A este último pertence a estampa A derradeira lección do mestre, que máis tarde recrearía en óleo en Bos Aires. Castelao inspírase nun motivo clásico da historia da pintura, a do lamento ante o corpo de Cristo, transformado aquí no mestre asasinado e convertido en mártir polo bando fascista; no seu caso, son dous rapaciños os que amosan a súa dor ante o cadáver de quen foi o seu mestre.