O grupo folk italiano Brigan trae a Galicia o seu disco sobre o Camiño de Santiago

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Os recitais celebraranse o 9 de febreiro na Coruña, o día 15 en Lugo, o 16 en Vilar de Santos, o 17 en Begonte e o 22 en Compostela

13 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O grupo de folk italiano Brigan inicia unha xira por España para presentar o seu terceiro disco, Rúa San Giacomo, que inclúe no seu paso por Galicia cinco concertos e tres conferencias. Os recitais celebraranse o 9 de febreiro na Coruña (Garufa), o día 15 en Lugo (Clavicémbalo), o 16 en Vilar de Santos (A Arca da Noe), o 17 en Begonte (Castiñeiro Milenario) e o 22 en Compostela (Casa das Crechas). As charlas terán lugar en Ferrol, xunto con Davide Salvado, Vigo e Vilagarcía.

Rúa San Giacomo, ideado e gravado entre Vigo, Santiago e Sant’Arpino (preto de Nápoles), é o froito de anos de investigación e longas estancias en terras ibéricas. Brigan logra encadrar neste traballo unha parte do repertorio, historias e músicas que durante séculos os peregrinos atoparon no seu camiño cara a Santiago. Son catorce pezas, catro delas inéditas, a cabalo entre Atlántico e Mediterráneo nas que coexisten as sonoridades do sur de Italia coas variadas linguaxes e formas musicais de Galicia, Asturias e Portugal. Alalás, villanellas, muiñeiras, xotas, tarantelas e cantos de traballo fúndense nun único son e linguaxe, o de Brigan.