A recuperación dun libro heroico

Dolores Vázquez A CORUÑA /LA VOZ

CULTURA

ANGEL MANSO

Presentan na Coruña «O arte e a súa historia», preparado por Antía Cal e Antón Beiras e perdido durante seis decenios

05 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Esta obra é o produto dun deses casos de heroísmo cívico no franquismo», dixo onte Xosé Manuel Beiras na Coruña, na presentación do facsímile de O arte e a súa historia escrito polos seus tíos Antía Cal e Antón Beiras, unha parella da que dixo había osmose e se complementaba de xeito absoluto. Nun percorrido familiar pola singular vida da parella, aos que o seu fillo Antón recoñecía como «visionarios» en moitas facetas e por ser «uns señoritos de Vigo» que falaban galego aos fillos, aos que educaron nun trilingüismo que pasaba polo galego, o inglés e o castelán, nesa orde. A obra, escrita nos anos cincuenta e perdida ata que un xenro da parella, Miguel Piñeiro, a atopou a primavera pasada nun alto da biblioteca, era descoñecida ata para os fillos, aínda que se fixera para eles. Nela, nunha época de rexeitamento á cultura galega, defendían a tese de que o Renacemento chegara antes a Galicia que a Italia, un avance que, segundo resumiu Xosé Manuel Beiras, acabou en fracaso ao quedar «fóra do poder económico da Reconquista».