Fervenza de cine galego para o 2018

A colleita para o ano inclúe dende produtos orientados ao «mainstream» ata películas máis experimentais, documentais creativos e cintas de animación


A produción do audiovisual galego prevista para o 2018 será diversa e singular. Diversa, porque convivirán desde o proxecto con vocación mainstream ata o máis experimental, predominando a ficción, o documental creativo e a animación. Singular, porque terá un forte selo de autor. Preto de vinte longametraxes que, xa producidas ou de inmediata rodaxe, accederán á pantalla grande na súa maioría ao longo do ano, sen descartar presentalas en certames como Cannes, Róterdam, Locarno ou outras citas máis próximas, como San Sebastián, Málaga, Sevilla ou Ourense, entre outras. Obras co trazo común de acollerse ás axudas da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), a sumar a estímulos como Eurimages e os promovidos por algúns festivais, os das televisións e a coprodución, nun ano sen precedentes en número de títulos con rodaxe maioritaria en Galicia e con técnicos e actores do país. Abondarán as óperas primas (Andrés Goteira, Xacio Baño, Anxos Fazáns, Diana Toucedo, Helena Girón…), fronte a cineastas que asumirán a súa nova longametraxe como firma xa asentada (Óliver Laxe, Dani de la Torre, Alberto Vázquez, Lois Patiño, Eloi Enciso…). A compoñente feminina amósase minguada na realización, pero mellora en produtoras, con Emma Lustres, Chelo Loureiro, Luisa Romeo, Beli Martínez ou Andrea Vázquez.

O lugués Xacio Baño debuta con Trote, entre a ficción e o documental, con actores non profesionais e seleccionada como proxecto no obradoiro Ikusmira Berriak do certame de San Sebastián. A trama céntrase nunha moza dunha aldea do interior, cunha complicada relación familiar, que participa nunha rapa das bestas co seu cabalo. Despois da boa traxectoria de Arraianos no 2012, Eloi Enciso regresará con Longa noite, unha serie de estampas da posguerra en Galicia, con rodaxe prevista para febreiro. Para finais de ano rodarase Eles transportan a morte, coa batuta compartida entre Helena Girón e Samuel M. Delgado, cunha trama ambientada nunha expedición de Colón con tres reos que aceptan embarcarse e rematan fuxindo cunha sibila, unha curandeira e unha meiga. Protagonizada por mulleres, seis, que se ven alteradas coa chegada de dous homes antagónicos ao lugar de Arima, será a ficción de misterio dirixida pola donostiarra Jaione Camborda e con produción galega.

En rodaxe desde o pasado novembro, pola Fonsagrada, Ribeira de Piquín e outras localizacións, está 7 limbos, do artista sonoro fonsagradino Berio Molina. Tamén sobre a xeografía luguesa traballa o documental Vilela ou a vida na montaña, de Antón Cornal. Máis experimental é Versogramas, de Juan Lesta e Belén Montero, un documental creativo sobre o fenómeno internacional da vídeo-poesía.

Lois Patiño, despois da súa premiada Costa da Morte, estreará Tiempo vertical, mestura de ficción e documental, con actores non profesionais e figuración dos lugares da gravación, en Monforte e Camariñas. Finalmente, o moi agardado regreso do último dobre premio Goya, Alberto Vázquez, con Unicorn Wars, centrada na guerra inmemorial entre militares e unicornios, e que promete ser un fito na animación.

Dos «thrillers» á visión das vagas de lumes

Todo ben atado en La sombra de la ley, de Dani de la Torre, de novo con Vaca Films despois de dar a badalada con El desconocido. Chegará o 31 de agosto da man da Fox, con aspiracións de ser un dos éxitos do cine español da tempada. Luís Tosar e Michelle Jenner están á fronte do reparto, cunha rodaxe maioritaria en Galicia e unha trama en clave de thriller ambientada nos anos 20. Pero antes, para o público vacacional, chegará Memorias de un hombre en pijama, coproducida por Ladybug Films de Ángel de la Cruz, que comparte guión xunto ao autor do cómic orixinal, Paco Roca, e a galega Diana López Varela. Ópera prima do vigués Carlos Fernández, a trama viaxa de Barcelona ás illas Cíes e póñenlle as voces principais Raúl Arévalo e María Castro, xunto a secundarios como Manuel Manquiña e Tacho González.

Sen descartar que o dúas veces premiado en Cannes Óliver Laxe intente de novo o desafío dalgún palmarés internacional, a súa terceira longa, Aquilo que arde, filmada en 16 milímetros, céntrase na traxedia dos lumes intencionados. Rodou, entre outros lugares, nalgúns dos incendios rexistrados o pasado verán nos concellos ourensáns de Monterrei e Toén. Rematadas están dúas óperas primas, que xa comezaron a circular por festivais internacionais e agardan pola súa distribución: Dhogs, do meirense Andrés Goteira, para Gaitafilmes e Pixel Films, con Melania Cruz, Miguel de Lira, Morris, Carlos Blanco e María Costas nos principais papeis; e tamén A estación violenta, de Anxos Fazáns para Matriuska, drama de xente moza con Xiana Arias, Xosé Barato e Nerea Barros no reparto, sobre novela de Manuel Jabois. Pendente igualmente de estrea, despois de abrir o pasado festival de Ourense, está Trinta lumes, da pontevedresa Diana Toucedo, documental en torno ao Courel e o seu despoboamento. Toucedo traballa actualmente no seu novo proxecto, Porto desexado.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
17 votos
Comentarios

Fervenza de cine galego para o 2018