Hai dúas etapas en A ledicia de ler, segundo indica Vilavedra. Una primeira, ata mediados dos anos 80, onde mostrou a súa preocupación por crear unha crítica literaria. «Casares móllase moito, non é glosar e resumir [...]. Empeza a facer crítica cando non a hai e a elaborar un repertorio crítico para a nosa literatura», asegura a autora do limiar. A partir do 85, comeza a viraxe na sección, mirando máis cara a fóra e experimentando con novos formatos. «Esta segunda etapa é coma unha transición cara Á marxe», engade. Un cambio de rexistro que atribúe á asunción por parte de Casares de novas responsabilidades institucionais.
Pola súa banda, no outro libro da Biblioteca Carlos Casares que acaba de publicar Galaxia, O suicidio de Jonas Björklund e outras historias, «están os temas que foron cruciais na súa literatura: a violencia, o dogmatismo, a tolerancia e o humor», destacou Soutullo. Nese sentido, indicou que nos relatos aparecen avisos, primicias, de temas que despois ían aparecer na súa obra. Tamén incidiu que en boa parte deles o fío condutor é o humor.