«Só coa emigración se pode escribir o cinema en galego»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Sandra Alonso

Margarita Ledo cre que aínda hai que alfabetizar no audiovisual para que a sociedade poida relacionarse coa imaxe

23 dic 2017 . Actualizado a las 16:39 h.

Era pola tarde, chovía algo. Margarita Ledo (Castro de Rei, 1951) foi á rúa Ourense de Santiago. Otero Pedrayo inauguraba un monumento ao afiador. Esa foi a primeira vez que vía «esa figura que erguía os brazos e falaba». Era tamén a súa primeira noticia para a prensa en galego. Este 2017 gañou o premio que leva o nome do histórico galeguista. É a primeira muller en 40 anos.

-¿Que se sente?

-Unha certa estrañeza, porque te decatas de que é un camiño moi longo e todas as mulleres que me trouxeron até acó tiveron que traballar con moitos máis silencios que eu mesma. Á vez, tamén é un síntoma de que as cousas poden mudar.

-Dedícase á imaxe pero iniciouse na literatura.

-Comecei a achegarme á cultura galega pola literatura, como toda a miña xeración. E dunha maneira intuitiva. Podía seguir pola vía da literatura, pero gustábame moito a información. E empecei a traballar como profesora na Autónoma de Barcelona e fixen a miña tese sobre fotografía. A partir de aí métome máis no camiño do estudo da imaxe, a escribir moito sobre foto, e acabo sempre traballando con aqueles temas, aquela materia de Galicia, chamáballe Otero, que nos vai explicando.

-¿Como que?

-O noso grupo de investigación acaba de concluír que o cinema en lingua galega estivo presente en todas as fases da historia do cinema. Coas crebas e a descontinuidade que hai na produción cultural en todo o Estado, sobre todo por efectos da ditadura. A primeira imaxe que se grava en todo o Estado é na Coruña. Despois hai o primeiro filme nacional galego, que é o Galicia que fai Carlos Velo. Logo hai unha obra nos inicios dos 50 que se chama Pelegrinaxe aos lugares rosalianos, un filme tamén fermosísimo onde aparece Otero. Xa vemos aí unha aproximación que logo se vai materializar en todos os cinemas de grupo dos anos 70. No ano 89 preséntanse as tres primeiras producións pensadas para os circuítos estándar: Sempre Xonxa, Urxa e Continental. Estas pistas son o que nos interesa seguir. 

-Fala de pistas. ¿O cinema galego está oculto?

-Está estudado. Nós facemos outro tipo de entrada, dende a lingua, de determinadas compoñentes que foron resultado dun proxecto no que analizabamos nos grupos da diáspora cómo ían identificando o cinema galego. Saíanos sempre a lingua, paisaxe e monumentos e a emigración. Só co cinema da emigración se pode escribir o cinema da lingua galega. Dende modalidades novas como o chamado cine de correspondencia, ao motivo da emigración, e que eu mesma fago coa variante da emigración en feminino, que é A cicatriz branca. Coido que aí o traballo institucional é o que falla, o dereito que ten unha sociedade a coñecer as súas propias producións. Ese é o principio de igualdade, é como a alfabetización xeral.

-¿Estamos alfabetizados no audiovisual?

-Non, dun modo xeral.

-Na sociedade da imaxe.

-Ah, pero achegámonos á imaxe completamente núas. Non temos referentes para saber ler e incorporar esa imaxe. Por iso a imaxe pode acabar contigo.

-E non vemos de xeito crítico.

-Exacto. A primeira base de todo o programa é aprender a relacionarte coas imaxes, xa non é só ler. Por exemplo, calquera imaxe mediada por un aparello técnico precisa absolutamente do modelo real, que ten que ser respectado como tal. Todo isto, que son os diferentes modos de ver, son os que permiten despois saber como facer. E aquí empézase polo punto final.