O himno galego soou en Madrid, e talvez en Lugo, antes de ser oficial en Cuba

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

EDUARDO PEREZ

Fernando López-Acuña desvela que en 1890 Veiga escribiu unha partitura que en 1896 xa interpretaba o orfeón do Centro Galego de Madrid

21 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Vou falar do recorrido do himno galego desde que nace na Coruña, dentro do concurso musical que organiza Pascual Veiga para as festas da cidade en 1890, ata a súa volta a Galicia, pasando por Madrid e por Cuba». Isto contaba onte o musicólogo Fernando López-Acuña, antes da súa intervención no acto literario e musical que tivo lugar na sede da Real Academia Galega, na coruñesa rúa Tabernas, para conmemorar o 110.º aniversario da estrea do himno na Habana.

Este académico correspondente lembrou como Veiga pediu a Pondal que escribira un himno «que debe ser a explicación fiel do espírito desta rexión co obxecto de que á maneira da Marcha Real, a Marsellesa, etcétera sexa cantado en toda Galicia co entusiasmo que esperta no ánimo o sentimento da patria». A partitura gañadora do concurso para acompañar a letra de Pondal foi a de Ivo Gotós, músico en Ferrol, pero nunca se chegou a interpretar. En previsión de que o premio quedase deserto, Veiga xa escribira unha peza que levou consigo cando en 1892 marchou a Madrid. Alí dirixiu varios orfeóns «que, claro está, van cantar a súa música, entre ela o himno galego. E isto era algo descoñecido na actualidade», apuntou López-Acuña. Entre eses orfeóns está o do Centro Galego de Madrid, que, con motivo da exposición rexional de 1896, actúa en Lugo dirixido por Veiga. Alí tamén podería ter soado o himno, «é una posibilidade razoable, pero non está comprobado», di López-Acuña. Ese mesmo ano o secretario do centro envía unha carta á prensa que di: «O orfeón do Centro Galego de Madrid ten unha significación moi distinta da que sen dúbida formaron na súa mente algúns espíritos aos que podería aplicárselles un dos cuartetos da letra de Eduardo Pondal e música de Veiga que canta dito orfeón e que di así: mas sós os ignorantes e férridos e duros, imbéciles e escuros, non os entenden, non». Nove anos máis tarde estrearase oficialmente en Cuba.

Villares: «O peso da colectividade emigrante é algo que nos diferencia»

O acto literario e musical organizado onte pola Real Academia Galega e o Instituto José Cornide puxo o ramo ao ano do centenario do pasamento de Eduardo Pondal. O académico Ramón Villares lembrou como o 20 de decembro de 1907 estreábase na Habana o himno, no que foi o primeiro dunha serie de xestos da emigración cubana que deron pulo á composición de Pondal e Veiga para a súa aceptación como símbolo de Galicia.

Ramón Villares enxalzou a importancia da colectividade emigrante neste proceso, «un feito extraordinario que nos diferencia notablemente de calquera caso parecido». Neste senso, salientou na súa intervención que «en case todos os casos coñecidos na fixación dos símbolos actuaron ou ben institucións públicas, administrativas ou políticas, ou ben partidos plenamente constituídos como tal, pero no caso de Galicia este impulso vén de América. O himno foi creado en Galicia e despois foi a América, e de alí retornou». O peso excepcional da colectividade emigrante é un feito clave na historia de Galicia, incidía Villares.

O acto na sede da Real Academia rematou coa actuación musical de Queiman e Pousa.