Galicia e Nova York dialogan nos novos libros de Fernández Naval, quen tamén aborda a violencia contra as mulleres
19 dic 2017 . Actualizado a las 17:54 h.
«Hoxe as cousas proxéctanse, contamínanse», afirma Francisco X. Fernández Naval (Ourense, 1956). «Sempre me gustou o diálogo dentro/fóra, grande/pequeno», explica o escritor, que vén de enmarcar esa conversa nunha encrucillada desa «aldea global» na que se converteu o mundo, na que conflúen Galicia e Estados Unidos a través da novela e da poesía. A súa novela Alma e o mar (Galaxia) arranca en California, segue en Nova York e remata en Galicia. A súa publicación coincide no tempo coa do poemario Nova York: ceo e mazá, da man da editora norteamericana Artepoética Press.
Alma e o mar achégase ao xénero da intriga para, dende a novela, abordar as múltiples violencias que sofren as mulleres. «Si, esa era a intención», confirma o autor, quen describe o libro como «un berro que se sume ás voces das mulleres». E engade: «Son tantas as violencias: laboral, social, familiar, sexual, física... Penso que case todas están representadas na novela. Alma, Brenda, Anida, Áurea, Herminia, Madinson, Ofelia, cada unha tenta ser e vivir, malia a violencia ou as violencias que padecen. Con elas, homes crueis, pero tamén homes bos: Hilario, Miguel, Cibrán Stefan, Eduardo...».
Modificar a linguaxe
Trátase dunha situación que, neste ano 2017 que conclúe, podería representar un punto de inflexión na conciencia e no traballo para avanzar na igualdade, unha tarefa á que non é allea a literatura. «Hai que traballar arreo na educación e desenvolver políticas de consenso. Pero tamén é imprescindible modificar a linguaxe. Podo estar conforme co presidente da RAE, Darío Villanueva, cando di que censurando o dicionario non desaparecerá o machismo», analiza Fernández Naval. «Pero creo que a linguaxe conforma o pensamento e axuda a perfilar o carácter. A nosa linguaxe está transida de masculinidade, o substrato é patriarcal. Hai que transformala. Será lento, pero é posible. Aí a literatura ten o seu papel. Alma e o mar, por desgraza, sae nun momento de máxima actualidade. Iso pode parecer casual, pero non o é, porque a violencia está aí, como unha realidade terrible, cada día, ferindo, violando, matando», di.