Xosé Manoel Núñez Seixas: «O papel de Galicia en España é de comparsa absoluta»

Mar Gil OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Álvaro Ballesteros

«Estamos gobernados como unha deputación grande», afirma o historiador e investigador da USC

18 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun momento no que Cataluña é prato único nas mesas de debate, nas mesas de redacción e ata nas mesas de comedor familiar, as editoriais Crítica e Marcial Pons poñen nas librarías o derradeiro tomo cronolóxico da súa Historia de España. O volume 10, do que é coordinador o catedrático da Universidade de Compostela Xosé Manoel Núñez Seixas (Ourense, 1966), abrangue desde 1975 a 2011, unha etapa chave para comprender a España do 2017.

-Escribiu vostede que a historia ve mal de cerca. ¿Como se fai ciencia histórica sobre unha realidade tan próxima?

-Asumindo algunhas limitacións. Por unha banda, tes moita información para comprobar datos, pero sabes menos sobre o proceso de toma de decisións. Procuramos dar unha visión de historiador: interésanos a visión dos cambios no medio e longo prazo.

-¿Por que o punto final no 2011?

-Había que detelo nalgún momento e acordamos que sería na vitoria de Rajoy no 2011, pero apuntamos tendencias que chegan ata hoxe. Por exemplo, que a gran depresión económica desde o 2008 ten probado varias fracturas, políticas, xeracionais e sociais. Puxéronse ao descuberto moitas das limitacións e defectos do estado democrático e tamén unha fractura territorial, pero que non se dá no País Vasco, que foi o gran problema, senón alí onde non se esperaba, en Cataluña.

-¿Por que Cataluña agora?

-Hai varios factores. Un, un proceso de construción nacional por parte do catalanismo no poder, que creo que non é tan decisorio porque nas estatísticas vese que a identidade compartida segue a ser maioritaria, pero si que a poboación catalanista se radicalizou, tamén pola frustración acumulada por todo o que pasou no proceso do novo estatut. Dous, hai un cambio de discurso do nacionalismo catalán, que pasa a falar menos de cultura e identidade romántica e máis da necesidade de crear un estado para construír un estado de benestar. Isto foi callando porque a propia crise crea incerteza. E tres, hai un certo cambio xeracional, xente que cre que hai que dar un paso máis adiante que a xeración que fixo a Transición.

-Galicia non aparece demasiado neste tomo da «Historia de España».

-Galicia tivo un papel basicamente de comparsa. Fago referencias a Galicia porque o escribín eu. Se escribe outro colega, as referencias serían moito menores. Galicia ten unha posición periférica en todos os sentidos: perde poboación desde 1975 ata hoxe e peso específico na dinámica do Estado. Ao ir a remolque de Cataluña e Euskadi, nalgúns momentos ten tido certo protagonismo. Como Fraga montou aquí a súa ínsula barataria, deulle certa visibilidade e o BNG tamén lle deu visibilidade a Galicia e ao nacionalismo galego, pero hoxe o noso papel é de comparsa absoluta. Nin sequera se quixo propoñer unha reforma do estatuto. Estamos gobernados por elites políticas moi provincianas; no fondo, gobérnannos como se fósemos unha deputación grande. O importante para eles é facer política en Madrid.

-¿E o nacionalismo?

-O nacionalismo galego de esquerda, obviamente, ao entrar nunha fase de fragmentación, perde protagonismo. Galicia adquiriu protagonismo turístico, pero perdeuno no terreo político e, cando o tivo, foi máis ben de segundona.

«Entre o nacionalismo español e os periféricos hai empate»

Núñez Seixas reflexiona sobre os símbolos e os nacionalismos.

-¿Fóra de Cataluña estase reforzando a identidade española?

-É un movemento reflexo. Todos os nacionalismos de estado maniféstanse, normalmente, en situación de conflito, aínda que sexa simbólico, como un partido de fútbol. O que vemos en Galicia son catro bandeiras e non é nada co que se ve en Madrid. ¿Niso hai que ver unha volta do nacionalismo español agresivo franquista? Hai unha banalización dalgúns símbolos, que perderon para moitos cidadáns o significado que tiñan na Transición, e a maior parte poñen a bandeira española non porque se consideren franquistas. E isto sucede non só entre a xente de dereitas; hai xente de esquerdas que cre que iso da España plural está moi ben, pero que hai que reforzar a idea de España.

-¿Que nacionalismo se imporá?

-Teño a teoría de que entre o nacionalismo español e os periféricos hai unha sorte de empate permanente que creo que vai seguir. Cando un parece que está a piques de imporse, sempre nos penaltis hai un recuar. Se despois deste clímax hai unha ofensiva españolista, tamén se vai encontrar con limitacións, vai ter que transixir perante a forza do nacionalismo.

-¿Que dirán deste momento os libros de historia?

-Preguntaranse se nesta segunda década do século XXI houbo unha crise do sistema da Constitución do 78 ou un reaxuste.

-¿Cal é a súa resposta?

-Creo que imos cara á un reaxuste, unha reforma a medio prazo, bastante profunda, da Constitución, pero dubido que vaia caer a monarquía. É verdade que os réximes políticos en España rara vez duran máis de 40 anos, pero estamos nun contexto europeo de estabilidade institucional e, aínda que só sexa por medo, preferirase o reaxuste a unha nova aventura. A xente de máis de 35 anos empeza a preocuparse pola hipoteca, os fillos, o plan de pensións… Iso, inevitablemente, leva a unha sociedade a posicións máis tépedas. Pero pódome equivocar!

-¿Todo igual, entón?

-Despois de todo isto non imos seguir igual; algo ten que mudar, pero eu vexo un reaxuste do sistema político. Se vai ser unha rexeneración na que entre aire fresco ou, simplemente, cuestións cosméticas haberá que velo. Máis complicado que mudar as institucións é mudar a cultura política, e iso non vexo que estea mudando.