A RAG oficializa hoxe a candidatura de Ana Romaní para a vacante de Xohana Torres

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

MARCOS CREO

A poeta e xornalista ofrece un perfil de consenso e permite incrementar a presenza feminina no pleno da institución

15 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado 6 de outubro o pleno da Real Academia Galega proclamou vacante a cadeira que ocupou Xohana Torres ata o seu pasamento o 12 de setembro. Entre os puntos da orde do día da sesión ordinaria que hoxe celebrará a institución figura a oficialización da candidatura de Ana Romaní para ocupar esta praza.

A da poeta e xornalista é a única candidatura para a cadeira. Os prazos de presentación rematan 24 horas antes do plenario no que se oficializan as posibles candidaturas, que logo se votarán na seguinte sesión; neste caso, previsiblemente en febreiro. Todo parece indicar que na figura de Romaní os membros da Academia buscaron o consenso xa dende o arranque mesmo do procedemento de proclamación de candidatos e a votación. A súa proposta vén asinada polos académicos Margarita Ledo, Rosario Álvarez, Luz Pozo Garza e Manuel Rivas. Fontes académicas dan por «segura» a súa elección final como novo membro.

Certamente, Ana Romaní adáptase a ese perfil de consenso. Un exemplo cumprido é o seu traballo á fronte do Diario Cultural da Radio Galega, onde dá cabida ás manifestacións culturais e creativas de Galicia no seu sentido máis amplo, e no que ademais conflúen todo tipo de sensibilidades e xeracións. O programa, que leva en antena dende 1990, é tamén un modelo de duración e renovación no panorama cultural e mediático. Testemuño tamén dese carácter aglutinador e ao tempo da súa faceta como poeta é a abondosa participación de Ana Romaní en volumes colectivos de poesía, ademais da obra asinada co seu nome, con títulos como Das últimas mareas, Arden ou Estremas.

A elección de Romaní permitiría incrementar a presenza de mulleres no pleno, no que actualmente se contan seis académicas. A escritora tamén conta cun longo e activo historial de traballo feminista, dende a participación en revistas como Festa da palabra silenciada a formar parte da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega.