Os Premios da Cultura Galega recoñecen o talento feminino

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Seis artistas, delas cinco mulleres, e dous proxectos foron distinguidos este ano

13 dic 2017 . Actualizado a las 09:38 h.

Están afastadas as ondas do mar de Vigo. Pero o argazo apelicou nos teitos altísimos. O salitre enferruxou un chisco os enormes tirantes que sosteñen a estrutura. Urbano Lugrís pintou o seu océano dese azul profundísimo nos muros brancos e abriuse outra vez a fiestra dende a que Rosalía de Castro quixo ver por derradeira vez o mar. Están afastadas as ondas do mar de Vigo, pero onte, dende o Gaiás, Galicia tamén navegar.

Valíase o conselleiro de Educación dun chairego, Manuel María, para lembrar que Galicia non se pode entender sen o mar. Tampouco sen a súa lingua e a súa cultura. E o mar, que tanto quita, tamén dá. A marea trouxo este ano oito nomes. Todos eles son capitáns. Cinco mulleres gobernaban o pailebote dos Premios da Cultura Galega. A primeira en agarrar o temón foi Uxía Senlle, que iniciou singradura co seu pai e a súa nai para logo ir atracando en todas as familias que lle deu a música, e deixar que a súa impoñente voz se crebase só un chisquiño ao pronunciar o nome de Fran Pérez, Narf.

«Moitísimas familias queren criar en galego». Falaba Rosa Moreiras no nome da rede mesta que foron tecendo trinta concellos galegos. Todo o que cae na rede é Apego, un proxecto que lles deixa aos cativos abrir os ollos ao mundo na lingua de seu. Que abre unha porta para o futuro.

Cando Mabel Rivera fundaba en 1986 unha compañía na que só había actrices, albiscaba algo do futuro, de que «a desigualdade existe e está incluso cuantificada» no seu sector, onde os anos deitan traballo na costa dos homes. Na das mulleres, case non. E agora, no medio da treboada, teima en que hai parálise no sector, en que «non son cartos, son políticas». Non é hora de arriar as velas e aínda que protesta, seguro que este premio non é por protestar.

«Síntome agradecida porque son consciente da complexidade da miña linguaxe pictórica». Berta Cáccamo sentiuse sempre moi preto dos que non son vistos. Dos que non queremos ver. Por iso no seu discurso foi debuxando ronseis de denuncia das desigualdades, da pobreza, do machismo. Porque ela tamén. Ela tamén protestar.

Dicía o presidente da Xunta que na cultura non se poden trazar fronteiras definidas, como tampouco se pode nos camiños do mar. Navegou Óliver Laxe das costas de Francia a Tánxer para despois regresar. «Ser galego é cuestión de actitude, de mirada» e ese xeito de ver tamén se olla nas súas películas. É galego. Séntese galego. Pero a cultura «é mestura de culturas». Miscelánea, bastardía. Cando as culturas se fusionan é cando máis se afirman.

«A cultura facémola nós, faina o pobo, faina a comunidade»

«Ela xa fala para sempre na casa, no cuarto de Rosalía, á beira de Curros, García Lorca e Pimentel». Anxo Angueira recolleu o premio á Fundación Rosalía, a poeta que puxo versos a Galicia, que escribiu Galicia enteira, lembrando a Xohana Torres, quen sempre defendeu que ler fainos libres. Con esa liberdade falou a súa filla, lembrando que súa nai sempre miraba o futuro, as que veñen navegando atrás. Unha Lúa descolorida asomaba tamén polo Gaiás mentres Cristina Pato lembraba que foi ese poema de Rosalía o que abriu a súa carreira ao mundo. E a gaiteira e pianista galega segue a abrir fiestras polas que entra o ar. «Porque a cultura quedou ben claro que a facemos nós, non a fai ninguén, faina o pobo, faina a comunidade». E a cultura é a identidade.