O baile tradicional dá un paso para ser ben de interese cultural

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

MARCOS MÍGUEZ

Na primavera do 2018 debería estar rematada toda a tramitación que xa puxo en marcha Patrimonio

12 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Quique Peón, bailarín, investigador e profesor, falaba onte do «poder da nosa música e da nosa danza», referíndose ao seu espectáculo sobre a revolta irmandiña O poder do arcabuz, que para a fin de semana que vén remata dous anos de xira por Galicia. Ao referirse aos proxectos do 2018, un deles co grupo Xacarandaina, que cumprirá 40 anos, apuntou que tamén na primavera do ano vindeiro o baile tradicional galego será declarado ben de interese cultural (BIC). Unirase así a outro patrimonio inmaterial, que desde o ano 2011 ten tamén esta cualificación, como é o conxunto da obra de Castelao.

Os trámites para a declaración do baile tradicional xa están en marcha por parte da Consellería de Cultura e a través de Patrimonio. Entidades como o Consello da Cultura Galega ou a Real Academia Galega deberán emitir os seus informes sobre a declaración deste ben inmaterial, documentos que non son vinculantes, pero que si se teñen en conta.

A decisión final será tomada polo Consello da Xunta, tal e como aconteceu o pasado mes de outubro co mural de Urbano Lugrís Vista da Coruña 1669 ou antes cos fondos das coleccións de arte de Abanca e Afundación.

No caso do baile tradicional galego, a diferenza é que se trata dun ben inmaterial, fronte aos más de 600 inmobles que en Galicia teñen a categoría de BIC, a maioría deles de contido arqueolóxico.

Para Quique Peón, que foi quen promoveu o inicio da tramitación para a declaración BIC, esta distinción ao baile tradicional galego sería só un paso máis, xa que se trataría de buscar despois outro recoñecemento: o de patrimonio da humanidade, que concede a Unesco. De tódolos xeitos, explicaba que neste caso habería que ir a algo moito máis específico que o baile tradicional galego, xa que hai moitas formas diferentes e a Unesco o que recoñece coa súa denominación é a singularidade dun monumento ou dun feito. Apuntaba Peón que unha posible solución sería a de pedir para a muiñeira esa declaración de patrimonio da humanidade. A pesar de todo, recoñecía que para iso aínda queda por diante un longo camiño, pero o primeiro paso será esa declaración de BIC para o baile tradicional galego.