María Victoria Moreno chega ás novas xeracións

X. F. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

RAMON LEIRO

Reedicións das súas obras e algún texto inédito levan ás librarías á figura do Día das Letras Galegas do 2018

09 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O 2018 será o ano no que o Día das Letras Galegas celebre a obra de María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939-Pontevedra, 2005). Pero os motores editoriais que devolven á actualidade a figura homenaxeada cada 17 de maio -unha das funcións da efeméride- xa achegaron ás librarías varios títulos da autora. Así, e tendo en conta ademais que o perfil de Moreno é máis que acaído para o traballo nas aulas, unha nova xeración lectora descobre -e outros redescobren ou relen- os seus libros.

Galaxia tirou do prelo nas últimas semanas cinco referencias da escritora. Unha das súas historias máis populares, Leonardo e os fontaneiros, aparece na colección Árbore, con ilustracións de Manuel Uhía. Na mesma colección, desta vez ilustrado por Carme Peris, tamén se vén de publicar o libro de versos E haberá tirón de orellas? Ambos títulos fan protagonistas a un can, no primeiro, e a unha cadela, no segundo: Leonardo e Alma.

Para lectores dunha idade algo máis avanzada, Galaxia recupera na colección Costa Oeste dous dos clásicos de Moreno: Guedellas de seda e liño e mais Anagnórise. Ambas retratan o mundo xuvenil lonxe de simplezas e tratando aos lectores desta xeración, a través dos protagonistas, coa complexidade -de discurso e literaria- que merecen. Guedellas dá unha volta á narración palaciana, mentres que Anagnórise -que formou parte da Biblioteca 120 de La Voz- recolle un tema universal: a fuxida á procura da identidade e o amor.

Pola súa banda, Urco publicou dous libros de Moreno. A brétema, con ilustracións de María Montes Sueiro, ten como protagonista á velliña Minia Senín, que vive en Vilaxeada e atópase tan triste que non é quen de parar de chorar. O segundo volume que edita Urco titúlase O amor e as palabras. Este libro recompila relatos que no seu día foron publicados en obras colectivas e que figuraban, por tanto, espallados ou algo esquecidos. Ademais desta circunstancia, importante xa de por si, O amor e as palabras engade un texto inédito, un conto dos últimos que escribiu María Victoria Moreno e que gardaba no seu ordenador.