As botifarras


A política non é o máis importante da vida. É unha certeza que repite o meu amigo Paco Mariló. E máis nestes días de catalá campaña electoral. Está preocupado. Viviu en La Seu d’Urgell e sente nostalxia de Cataluña. Gustáballe todo o que comía entre Andorra, onde traballaba de peixeiro, e Barcelona: cargols, arròs amb conill, escudella, calçots e, especialmente, as botifarras. «Manxares magníficos», di emocionado. Non pode coa nostalxia. Estamos nun bar e, cando o televisor anuncia novas catalás, levanta os brazos: «¡Silencio, señores!», berra con autoridade. E o bar cala. O Luís chamoulle a atención: «Mira, Mariló, non podes molestar aos clientes, á maioría non lles importa nada o que pasa en Cataluña». Un bar ten a súa dose de ruído e se non hai ruído, non hai bar. O Mariló pide desculpas pero ao día seguinte volve co mesmo. Non sei se facer caso de todo o que me conta, pero non podo dubidar do Mariló. O martes mesmo, contemplando o telexornal, díxome: «A ese coñecino eu». «¿A quen?», preguntei. El sinalou a un señor que aparecía, entre a multitude, cunha estelada nunha man: «¡Llibertat, Llibertat!». A melancolía conquistouno e os da cuadrilla non sabemos que facer para consolalo. Di que se seguira alí e non regresase a Verín para montar a súa empresa de electricidade, tería chegado moi alto: «alcalde de La Seu d’Urgell, polo menos». Nós dicimos que si. Non todos. O Juan Ramón pasa: «Luís, ponnos outra rolda, a ver se esperta o Mariló». Pero o viño non aplaca a nostalxia. «Bótoas moito de menos», dixo mirando os independentistas na tele. «¿O que, as manifestacións?», preguntei. Contestoume: «Non, neno, as botifarras». A política non é o máis importante da vida.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
21 votos
Comentarios

As botifarras