Xaquín Marín reúne nun libro todas as historias de Tonecho

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

ANGEL MANSO

O personaxe apareceu orixinariamente na revista «Golfiño»

06 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os personaxes creados por Xaquín Marín (Ferrol, 1943) van atopando fogar nos libros. Gaspariño e Isolino xa contan con volumes de seu, aos que agora se engade Tonecho, de quen se recompilan nun volume homónimo editado por Galaxia todas as historias aparecidas orixinariamente na revista Golfiño. O codirector desta publicación, Fausto Isorna, asina a introdución do volume, onde enumera algunhas das virtudes que caracterizan o estilo de Marín: «Unha linguaxe, unha grafía e un estilo inconfundibles», a calidade gráfica, tanto en cor como branco e negro, así como ter «unha voz de seu».

O humorista e historietista, que publica dende hai décadas o seu traballo diariamente en La Voz, explica as diferenzas entre Tonecho e outros rapaces nacidos do seu maxín. «Gaspariño non o fixen para nenos, senón para que permitise dicir cousas que en boca de adultos quedarían mal pola censura ríxida que viviamos. Funcionou. Con Tonecho a situación xa se dulcificara», aclara, antes de engadir que este personaxe foi moi conscientemente o máis «afastado posible a un neno de aldea». «Quería que fose un neno de barrio, con problemas distintos», engade. Isto vese claro en historias como a do encontro de Tonecho e os seus amigos con outro rapaz que conduce con habilidade unha parella de vacas cun carro: «E mira que presumía eu do ben que manexaba o coche eléctrico», di o rapaz.

Marín está especialmente contento coa edición de Tonecho en libro, aínda que admite que lle dá un pouco de mágoa que o traballo de tantos anos agora se lea nun só día. Unha retranca que herdou a súa creación, e que amosa en cada viñeta, sexa con ocasión das festas de Nadal, os xogos na rúa, o fútbol, as súas conversas co can Palleiro ou as discusións no seu grupo de idade ou cos maiores. Nada escapa á ollada certeira e á palabra áxil de Tonecho. Nin tan sequera o seu debuxante, nunha páxina na que o protagonista lle explica aos amigos que hai que ir pensando en retirarse por mor da idade de Marín. Unha xubilación que tamén trae as súas cuestións negativas, entre elas a de ter que escoller entre a pensión e os rendementos da obra, unha lei moi criticada polos creadores culturais.