Ramón Villares: «Aquí hai unha loita constante entre dúas identidades, galega e española»

Tamara Montero
TAMARA MONTERO SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Sandra Alonso

O lucense lanza un compendio de ensaios sobre o proceso de labra do feito galego e os afectos patrios

03 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

No despacho de Ramón Villares (Xermade, 1951) no Consello da Cultura hai un cadro dunha xeometría imposible. Pensou en usalo como capa do seu compendio de ensaios Identidade e afectos patrios, por aquilo de que a identidade é algo «imposible».

-¿Por que facer un libro sobre o imposible?

-É unha reflexión sobre o que contribúe a construír a identidade galega e o que a bloqueou. As identidades son un proceso de articulación social, política, ideolóxica e non son encontradas, como se estiveran esperando a que nós as recollamos. Nese proceso hai factores sociais, poden ser institucións, clases sociais, poden ser ás veces conflitos, poden ser guerras, poden ser ausencias. O resultado é unha identidade galega moi forte dende o punto de vista cultural pero que ten unha baixa conciencia política. E Galicia constrúe esta identidade sen institucións, porque non as tiña, e en boa medida grazas ao apoio da emigración, que substitúe o que as elites políticas aquí non fixeron.

-No libro di que non importa o que acontece, senón como contamos o que acontece.

-É verdade, porque a historiografía vai evoluíndo ata o punto de que hoxe lle damos moita importancia aos valores culturais e a percepción da sociedade. Non é tanto que contes que aquí hai un apóstolo se non como é admitido e elaborado que hai un apóstolo, ou que sexamos celtas, ou que a bandeira sexa esa que nos representa. É todo froito dunha convención que se vai facendo norma. É como se asumen certos valores que despois acaban sendo aparentemente inmemoriais.

-Tan pouco inmemorial que a identidade galega vén de...

-De hai 150 anos, do Romantismo.

-De Murguía, de Vicetto.

-Eu reivindico bastante a Vicetto. Formeime como historiador nunha imaxe de Vicetto moi negativa: que era imaxinativo, que non contaba verdades, digamos. Pero Vicetto introduce un elemento substancialísimo na identidade galega, que é o medievalismo, e creo que ten unha virtude, que é esa imaxe máis laica da identidade, froito dun conflito social e de obxectivos políticos. Aínda que Vicetto todo isto adórnao cunha redacción un pouco fantástica.

-Dicía que os galegos fixémonos a nós mesmos, sen institucións.

-Había institucións, pero gran parte eran remisas ou eran contrarias. Aquí hai unha loita constante entre dúas identidades, unha galega e unha castellano-española, que a reflicte marabillosamente Santiago, porque Santiago é unha figura que se crea como soporte mítico dunha batalla contra o infiel, dende aí o Santiago Matamouros, que dende o principio ten un perfil de Santiago peregrino e vinculación por tanto con toda Europa, pero foi considerado patrón de España e incluso hai unha ofrenda, que se mantén hoxe, e ao mesmo tempo o día de Santiago é o Día Nacional de Galicia.

-¿A galega é a identidade sen conciencia?

-A conciencia foi creada despois do Romantismo, que abre camiño para ter conciencia cultural e política. A identidade con conciencia política significa ter unha cultura política e que haxa unha capacidade de mobilización. E nisto Galicia foi moi lenta.

-Hai diferenza con outros territorios, como Euskadi e Cataluña.

-Porque en parte é unha identidade dada, non é de todo construída, e iso ten unha vantaxe, que é fácil, e ten unha desvantaxe, que en caso de desafío, de ter que loitar por ela, pode ser un dique de area, que é o que nos pasa politicamente.

«Se non se dá o paso cara a un pobo europeo, moitas sociedades pedirán ser estados»

Tampouco a construción da identidade española foi tradicional. O debate é se fracasou.

-O máis singular do nacionalismo español foi o seu forte compoñente social-clasista. Houbo un fallo de incorporación das clases populares a un proxecto político nacional. Isto estourou a finais do século XIX, cando se perfilan proxectos nacionais alternativos ao español, e nesa situación estamos e non sei o que duraremos así nin como vai a resolverse. O proxecto nacional catalán, vasco ou galego, faise en diálogo con nacionalismo español, que tamén reacciona fronte a iso. O primeiro que temos que saber é que iso existe e temos que xestionalo, hai que ver cales son los límites e cales son as posibilidades de convivir ou solucionar por unha vía de concordia ou de pacto. Tamén pode ser de imposición, que hai 100 ou 50 anos era viable, pero hoxe a imposición, en xeral, é moi rexeitada pola sociedade.

-¿Cataluña está nun proceso de construción de novos símbolos?

-Aquí hai unha novidade grande, que é transmutar o nacionalismo no independentismo, que non é a mesma cousa. Cataluña primeiro transmutouse dende a tradición de Tarradellas cara a unha solución máis autonomista, e agora está na dirección contraria, pero non sabemos aínda moi ben por que se tomou esa decisión, se foi unha ocorrencia duns líderes ou unha forza profunda da sociedade catalá. Isto foi alentado por unha serie de acontecementos que en cadea teñen efectos: goberno de esquerdas fronte a tradición de Pujol, xestión indebida ou ineficaz do proceso estatutario, resistencias moi fortes na política española e logo a crise. Tamén hai outro punto, que é que hai crise en Europa. Porque o caso de Cataluña non se pode entender á marxe de Europa. Europa é un club de estados e se non dá paso para outra solución máis dun pobo europeo, moitas sociedades terminarán demandando ser estados.