Culturgal cruza o Miño e achégase a Portugal no seu décimo aniversario

Elena Larriba García
Elena Larriba PONTEVEDRA / LA VOZ

CULTURA

emilio moldes

A Feira das Industrias Culturais de Galicia aposta por reforzar os vínculos coa lusofonía

02 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal 2017, abriu as súas portas no Pazo da Cultura de Pontevedra co novo reto da súa proxección internacional cara a Portugal ao cumprir o seu décimo aniversario. A intención é manter e compartir de forma estable e normalizada no futuro este espazo lingüístico e cultural común, como subliñaron onte na inauguración os responsables da organización do evento e ratificaron os representantes das administracións colaboradoras, comezando polo conselleiro Román Rodríguez.

O titular do departamento de Cultura da Xunta incidiu na importancia da presenza de Portugal en Culturgal como país convidado «para reforzar os vínculos coa lusofonía», en sintonía cos desexos expresados tamén polo vicecónsul portugués, Manuel Correia da Silva.

Esta aposta pola cultura transfronteiriza vese reflectida coa presenza na feira de entidades e xestores do outro lado da raia, como a Direção Regional de Cultura do Norte e o Instituto Camões, así como a Fundação Bienal de Cerveira. A cultura portuguesa está presente a través da música, da literatura, da arte contemporánea e do teatro, ademais das conversas entre axentes culturais de ambas beiras do Miño. Precisamente, na primeira xornada de onte, boa parte da programación centrouse no encontro profesional Escena Galega, no que se debateu sobre como activar e estabilizar a circulación escénica entre Galicia e Portugal. Para hoxe están previstas as denominadas Conversas Nortear, nas que se establecerá un diálogo entre as literaturas galega e lusa con dous recoñecidos escritores de cada unha delas, Miguel Sande e Virgínia do Carmo.

Outro nexo entre ambas culturas é a estadía en Galicia do Pergamiño Vindel, único testemuño conservado das cantigas de amigos galego-portuguesas coa súa notación musical. Esta xoia será tamén protagonista no Espazo Foro de Culturgal, no que se informará da exposición do manuscrito no Museo do Mar de Vigo e afondarase na súa singularidade.

Pero, sobre todo, Culturgal énchese ata mañá da produción feita en Galicia, con máis de 130 actividades e 120 espazos expositivos de creadores, empresas e entidades públicas e privadas, e cunha ampla oferta dirixida tanto aos profesionais como ao público en xeral. Estreas de libros-disco que triunfarán neste Nadal entre o público mozo; espectáculos musicais de varios estilos no Espazo Carpa; o último do cinema galego, incluída a estrea en Galicia do documental Sitio distinto; conversas e sinaturas cos autores deste ano e do ano que vén; o directo de Respirar de Andrea Pousa, e moitas cousas máis fan de Cultugal unha cita ineludible esta fin de semana.

A cita transforma o formato dedicado ata agora á arte contemporánea

Hai xa catro anos que Culturgal decidiu achegarse á arte contemporánea a través de diferentes mostras colectivas de artistas galegos consolidados e emerxentes. Nesta décima edición a feira vai más alá e transforma o formato, establecendo un novo Espazo de Arte Contemporánea, que medra non só en superficie, senón no obxectivo de normalizar a presenza deste ámbito da cultura na feira á beira dos outros sectores representados. Este novo espazo ocupa todas as salas de exposicións do Pazo da Cultura, na que conviven galerías e artistas co Museo de Pontevedra, coa Fundación Cidade da Cultura, co Centro Galego de Arte Contemporánea, coa Fundação Bienal de Cerveira e co programa Hefesto de arte inclusiva do Concello de Pontevedra.