Galaxia edita «A senda de sal», premio de novela por entregas de La Voz 2017

Jorge Lamas Dono
Jorge Lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

XOAN CARLOS GIL

O enxeñeiro Fran Fernández Davila estréase na edición literaria con esta obra

30 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Medio cento de persoas reuníronse onte no literario café vigués De Catro a Catro para presenciar a presentación de A senda de sal, de Fran Fernández Davila, premio de novela por entregas de La Voz de Galicia na súa última edición, que os lectores do xornal puideron seguir durante o pasado agosto.

Non foi unha presentación ao uso. Houbo danza, poesía, lectura de pasaxes da novela e moitas preguntas que o autor se encargou de responder coa inxenuidade de quen asume por primeira vez a atención dun público. Abriu o acto Carlos Lema, representante de Galaxia, a editorial que publica agora o libro dentro da súa colección central. «Debo saudar a un novo autor que vai dar bos froitos para as nosas letras», aventurouse a prognosticar o editor, que enxalzou a habilidade do escritor para conxugar o relato co estilo. «Para min o que destaca é o estilo, porque é onde o escritor se sente máis a gusto; a literatura é literalidade, porque o importante non é o que recordamos dunha obra senón a orde, o uso das palabras e as figuras que se empregan e como se empregan o que fai a literatura», sinalou Lema.

O acto comezara pouco antes da intervención do representante de Galaxia. Foi coa declamación da poesía A princesa de Fukishima, do propio Fran Fernández Davila, mentres Sara González bailaba sobre as notas dun piano.

Tomoulle o relevo Clara do Roxo, directora do obradoiro de creación onde comezou a escribir o autor do libro hai só ano e medio. Esta afondou nos mesmos presaxios que Lema. «Está dado a converterse en alguén importante na literatura», incidiu a escritora. «É un enxeñeiro pero tamén é un poeta, de feito no obradoiro é como lle chamamos, Fran O poeta», explicou Clara do Roxo.

A partir dese momento, fóronse combinando as lecturas de partes da novela con preguntas ao autor. Preguntas como as orixes da tendencia do escritor polo emprego da personalización. «No porto de Panxón pódense ver os barcos como personaxes», respondeu Fernández Davila, para engadir que «non foi algo intencionado, xa que a historia utilizoume a min para saír á luz». O escritor de A senda de sal explicou que tiña o convencemento de que algunhas das cousas que conta no libro eran froito da súa imaxinación, pero que se sorprendeu cando algunhas persoas lle fixeron ver que tiñan acontecido.

O exemplo de García Márquez

Dende a súa frescura de autor novel, Fran Fernández Davila recoñeceu que, cando no obradoiro de Clara do Roxo, abordaron a novela Cien años de soledad, de Gabriel García Márquez, «unha obra que é un aburrimento de longa», aprendeu a valorar a insinuación da imaxe real para crear fantasías e ao revés.

Outra das preguntas que lle fixeron ao escritor veu dada pola convivencia na súa novela do medo e da afouteza. Respondeu que o medo -a novela ten pasaxes situadas na represión posterior ao golpe de Estado de 1936- «é o máis importante para controlar a unha masa», mentres que para xustificar a valentía do protagonista referiuse á virtude de facer o que é correcto.

Fran Fernández Davila é enxeñeiro de profesión dende hai máis de quince anos, e dende xaneiro do 2016 asumiu a literatura como un medio para atoparse a si mesmo. Neste tempo, aínda que é agora cando publica por vez primeira, obtivo varios premios como o do Certame de Relato Curto de Mos ou o MicroCatrorrelatos.