O escritor foi o vencedor do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia
30 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Fran Fernández Davila (Vigo, 1974) é enxeñeiro, profesión que exerce dende o ano 2000. O pasado verán foi o vencedor do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia con A senda de sal. Dende onte, a obra está en todas as librerías grazas á Editorial Galaxia.
-¿Como chegou á literatura?
-Empecei a escribir en xaneiro do 2016. Era un momento de especial estrés na miña vida, e deime conta de que só ía do traballo a casa e da casa ao traballo. A miña muller inscribiume no obradoiro de escritura que dirixe Clara do Roxo, e aí empezou todo.
-¿Que lle achega a literatura?
-Fai que te pares a pensar un pouco máis en todo; é coma ir por unha estrada e ver que pasan moitas cousas pero quedas cunha soa. Permitiume pararme a contemplar por dentro as cousas que pasan, analizalas.
-¿Foi complicado o feito de crear?
-É unha diversión. Cada vez que teño un oco libre póñome ao labor e boto horas, pero saen cousas. Non tiña pensado que ocorrese todo isto que está pasando. Xurdiu a obra e ela realizou o seu propio percorrido.
-¿Por que imaxinou ese contexto histórico para a obra?
-A idea inicial foron as irmás Touza. Lin que eran tres irmás que axudaron a pasar xudeus de Galicia a Portugal durante a Segunda Guerra Mundial. De aí, empecei a imaxinar que os mariñeiros galegos ben puideron axudar a fuxir á xente. Para dar cohesión a todo naceu a idea desa persoa que se busca a si mesma. Ademais, debeu ser fascinante o ambiente de Vigo naquel contexto; a espionaxe, a toma de posición, etcétera. Os galegos poderiamos sacar un xénero de aquí.
-¿Foi complicado axustarse ás condicións das entregas?
-Tiña a historia na cabeza, pero non me propuxen presentala ata que tiven a metade escrita. Despois animeime a rematala cumprindo as normas do concurso, aínda que quedaron cousas fóra. Deume máis traballo axustar despois a primeira parte.
-¿Cambioulle o premio a maneira de afrontar a literatura?
-Non o sei, este premio é unha pasada. O que si está claro é que este recoñecemento anímame a seguir escribindo; o que veña máis alá xa o veremos. Sei que non se pode vivir da escritura, pero escribir é unha afección estupenda e se ademais hai alguén a quen lle gusta, mellor que mellor.