«Gustaríame espertar o interese da xente nova cara a lectura dos clásicos»

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

XOÁN A. SOLER

Unha reescritura da «Odisea» dálle a Marilar Aleixandre o premio Raíña Lupa de literatura xuvenil

23 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Reescribir a Odisea. Admite Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) que é labor arriscado. Pero a aposta funcionou. O xurado do Raíña Lupa decidiu onte por unanimidade concederlle o premio na súa edición número 11 (a primeira muller que obtén este galardón). A novela A filla do Minotauro está ambientada en Sicilia (estragada) no tempo posterior á Segunda Guerra Mundial. Alí sitúa unha trama de aventuras -na que ten cabida tamén unha historia de amor- ao redor duns traficantes de antigüidades roubadas, tras as que sairá unha organización clandestina denominada Liga das Górgonas, creada para loitar contra esta mafia e encabezada por Miranda, a protagonista do libro, unha rapaza de 15 anos. Como antagonista, Oliseus, un reflexo de Ulises, quen, recorda a escritora, organiza na Ilíada o saqueo de Troia: «El facía esas cousas, non o invento eu, só o trouxen a outra época».

Aparecen ademais outros personaxes da literatura clásica, como Polifemo ou unha Penélope, que, lembra a autora, xa recrearon Xohana Torres ou Begoña Caamaño.

Tamén para adultos

O fallo enxalza «a mestura de tempos históricos» que manexa o relato e «a relectura moi actual» que fai Aleixandre da mitoloxía grega amosando unha «gran sensibilidade co patrimonio cultural». A peripecia de Miranda, segundo o xurado, ofrece «moitos niveis de lectura», algo ao que, corrobora Aleixandre, aspira nas súas obras para público xuvenil, pero que serán os lectores os que deban ratificar tal logro. «Eu o que fago é escribir, é difícil anticipar a resposta que obterá o que escribo. Pero a boa literatura para nenos pode ser lida por adultos, só hai que pensar en A illa do tesouro ou en tantas obras marabillosas. E eu, claro, con A filla do Minotauro espero espertar o interese tamén en persoas doutras idades», insiste.

Outro dos obxectivos desexables desta novela, que cita, revisita ou alude á literatura grega, é mover aos mozos a prestar atención aos textos de Homero ou Eurípides. «Gustaríame espertar o interese da xente nova cara a lectura dos clásicos, que comproben que son obras de gran vixencia», afirma para explicar que viu hai uns días en Madrid unha montaxe de Troianas de Eurípides e constatou a «rabiosa modernidade» da súa mensaxe.

E sabe que os rapaces -«entre os que hai excelentes lectores», anota- agradecen eses vínculos coa realidade. É por iso, di, por que ten tan boa acollida nos institutos a súa novela A cabeza de Medusa, ao abordar «o asunto das violacións e o dilema de denunciar ou non».