
Un simposio, que rememorou onte os seus inicios estudantís, analiza a súa figura
22 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.¿Onde trazou Carlos Casares o punto de partida que o levaría a ser unha das grandes figuras da literatura galega? Quen mellor para afondar na primeira estadía de Casares na Compostela estudantil que o seu amigo o escritor, investigador e académico de honra Arcadio López-Casanova. El foi o encargado de inaugurar o simposio co que a Real Academia Galega (RAG) conclúe na Coruña o seu programa sobre o autor ao que dedicou este ano o Día das Letras Galegas.
O tempo de Casares como estudante de Filosofía e Letras en Santiago foi «unha etapa breve, pero intensa», tal e como remarca López-Casanova sobre aqueles primeiros anos da década dos 60. Ás portas da facultade tivo lugar o primeiro encontro entre ambos escritores, que rematarían trazando unha grande amizade. López-Casanova confirmou naquel tempo a «identificación co país, a lingua e a cultura galegas» de Casares.
Houbo varios fitos transcendentais na mocidade do narrador ourensán. Un deles foi o feito de pasar a vivir xunto a López-Casanova nunha pensión da rúa Xelmírez, a escasos números da casa de Ramón Piñeiro. «Carlos foi asiduo da súa mesa de braseiro, frecuentaba os faladoiros na súa vivenda», sinala López-Casanova. A falta de interese de Casares polos seus estudos universitarios fixérono atopar na literatura un refuxio que tornaría decisivo no seu devir como narrador.