Un cómic recrea a Galicia da revolta irmandiña

«La espada de San Eufrasio» narra a historia dun campesiño obrigado a vivir como proscrito


redacción / la voz

Unha viaxe no tempo ata a Galicia medieval é o que propón o cómic La espada de San Eufrasio. La aldea maldita (Diábolo Ediciones). Con guión de Pepe Rey e Manolo López Poy, xunto co debuxo de Miguel Fernández, a obra recrea a sociedade da Galicia que está a piques de vivir a revolta irmandiña. O vehículo narrativo é a historia de Rosendo, un campesiño ao que lle arrebatan as súas escasas posesións, o que o obriga a converterse nun proscrito que xura algún día recuperar a súa casa e vingarse de quen lle inflixiu tanto dano. As guerras entre señores feudais, o poder da Igrexa ou o Camiño de Santiago engaden máis profundidade á historia no cómic.

Pepe Rey, autor da idea orixinal, dedicou dez anos a investigar sobre a época, documentación da que se valeu o debuxante Miguel Fernández para construír a coidada ambientación do álbum. Fernández reconstruíu algúns edificios que xa desapareceron ou que foron modificados ao longo dos séculos. E en moitos casos tirou da súa propia capacidade de observación, especialmente para retratar á familia protagonista. «Era xente curtida nos labores dun campo hostil, sen máquinas e con fame. Era a miña Baralla natal, cando eu era neno. Recordo ver no negocio do meu pai xente así, curtida, e lembro fixarme moitísimo nas súas mans e caras», explica.

La espada de San Eufrasio, que combina historia con emoción, aventura e intrigas, terá continuación en vindeiros libros. Fernández xa anticipa que aparecerán «Pardo de Cela, o arcebispo de Santiago, un soldado de fortuna e o seu criado mouro ou un cura nigromante...». De momento, a primeira entrega preséntase este sábado en Vigo (Banda Deseñada, 18.00 horas).

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Un cómic recrea a Galicia da revolta irmandiña