A recompilación integral da poesía de Edelmiro Vázquez Naval inclúe un libro inédito, «Temporais pasaxeiros»

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Santi M. Amil

O selo Eurisaces publica nun só volume -Poesía reunida (1988-2017)- a obra completa do poetá ourensán

13 nov 2017 . Actualizado a las 14:24 h.

Profesor de Matemáticas no instituto ourensán do Posío durante máis de 32 anos, Edelmiro Vázquez Naval (Toubes, A Peroxa, 1949) é un poeta discreto que, na súa humildade, considérase un afeccionado, case un diletante. Pero a obra vaise decantando ao longo dos anos, modelando a súa paisaxe a pesares incluso das pretensións do autor, e debuxa unha canle na que o lector, sexa amante do baño ou máis contemplativo, decide como gozar nela. E a literatura de Vázquez Naval deixa un pouso «que ilumina cara a fóra», como di no prólogo Claudio Rodríguez Fer. O ensaísta lugués celebra a forma en que o escritor volve o seu ollar -con «madurez existencial»- sobre temas universais como o paso do tempo ou a nostalxia da nenez.

Agora, nun proxecto que enxalza a solidez desta voz, o selo ourensán Eurisaces publica nun só volume -Poesía reunida (1988-2017)- a obra completa de Vázquez Naval, o que engade un libro inédito aos seus tres poemarios coñecidos: As voces da saudade (1988), O rito do regreso (1996) e As luces de noutrora (2010). Temporais pasaxeiros corrobora que as matemáticas e a poesía non só son compatibles no espírito creador do vate de Toubes, senón que supoñen, como anota no epílogo Luís Álvarez Pousa, «visións dun mesmo universo, o da imaxinación», no que Vázquez Naval, autor emocional, ética e moralmente inquedo, emerxe como «arquitecto estruturador».