Premios da Crítica distingue oito eidos da creación en Galicia

Jorge Lamas Dono
Jorge Lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

Os Premios da Critica de Galicia xa suman corenta anos distinguindo a creación no país
Os Premios da Critica de Galicia xa suman corenta anos distinguindo a creación no país M.MORALEJO

Grupo Nove, Luís Emilio Batallán e María Luisa Sobrino son algúns dos premiados

05 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Antonio Manuel Fraga, na categoría de creación literaria; Luís Emilio Batallán, en música; María Luisa Sobrino, nas artes plásticas; Flor Maceiras, nas artes escénicas; o Festival S8, en cine e artes visuais; Grupo Nove, en cultura gastronómica; Marcos Pérez Pena, en investigación; e o programa Conciencia, en iniciativas culturais e científicas foron os gañadores da XL edición de los Premios da Crítica de Galicia.

Baixo o lema «40 anos facendo país para sermos máis nós», xuntáronse nun hotel de Vigo 350 persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural galega, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; Román Rodríguez, conselleiro de Educación e Cultura; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; e Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, entre outros.

A obra Querido H. P. Lovecraft, de Antonio Manuel Fraga, foi recoñecida polo xurado pola «descrición dos personaxes cun par de expertas pinceladas breves que lle outorgan unha personalidade claramente única e fascinante». Na modalidade de investigación, premiouse o traballo A prensa en Galicia na Transición, de Marcos Pérez Pena (Xerais). E o programa Conciencia foi galardoado, pola súa banda, por seren «unha iniciativa de divulgación científica consolidada no tempo, optimizando uns recursos económicos cada vez máis minguados».

O premio a Luís Emilio Batallán no eido musical viu dado pola «súa traxectoria até a actualidade, a súa reivindicación e renovación da canción galega, a historicidade e dimensións das súas composicións, que forman parte xa da cultura galega e do imaxinario colectivo de varias xeracións». O xurado tamén quixo salientar a contribución de Batallán á difusión da poesía galega e á popularización de autores como Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro ou Carlos Oroza.

A longa traxectoria de María Luisa Sobrino como docente e investigadora nas artes plásticas en Galicia valeulle un dos galardóns dos Premios da Crítica. E a directora da Escola de Teatro de Narón, Flor Maceiras, foi elixida pola súa traxectoria como actriz e directora e, «moi especialmente, como mestra comprometida cunha formación teatral íntegra concibida desde a base e desde as marxes, que ten o seu obxectivo primordial na igualdade de xénero concibida desde o presuposto da calidade artística», destacaron.

«S8 é un festival que sabe conxugar o novo e o vello, o internacional co local, non só servindo como escaparate do cinema galego, senón tamén como canteira da que xorden novos e novas creadoras», explicou o xurado o premio ao festival de cine da Coruña.

Finalmente, o grupo de cociñeiros Nove obtivo o seu galardón porque «souberon poñer en valor dende as súas orixes a materia prima galega facéndoa internacionalmente visible».