O Museo do Pobo Galego festexa os 40 anos co compromiso da súa ampliación

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

A Xunta anuncia que as obras estarán rematadas no 2020 e crearán unha nova sección

29 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Custodio da memoria do país. Esencia da identidade galega, e defensor dela. Actor clave no proceso de normalización cultural de Galicia. Faro da cultura galega. Deste xeito definiron o labor do Museo do Pobo Galego durante o acto institucional para celebrar o corenta aniversario da apertura das súas tres primeiras salas un 29 de outubro de 1977 en San Domingos de Bonaval. Pero no festexo non houbo só unha mirada ao pasado e á traxectoria, lembrando nomes fundamentais na súa posta en marcha, senón tamén cara o futuro. Nese sentido, o presidente do seu padroado, Justo Beramendi, expuxo os retos que debe afrontar a entidade para continuar avanzando e garantir a súa pervivencia, como son a renovación do padroado, un incremento do persoal e a modernización e ampliación das súas instalacións. Neste último aspecto, tivo xa resposta do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, quen mostrou o compromiso da Administración autónoma para que a ampliación das dependencias estea rematada no 2020, creando unha sección de Historia Contemporánea e Autonómica de Galicia.

O acto para festexar estes corenta anos de actividade reuniu onte a representantes da Xunta, da Deputación da Coruña, do Parlamento e do Concello de Santiago, así como membros do padroado -algúns dos cales participaron na súa posta en marcha-, representantes da empresas que son patrocinadoras e colaboradoras e socios varios. Tamén contou con membros doutras institucións, como os presidentes da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega, entre outras.

Beramendi indicou que este aniversario «debe servir para facer balance crítico e tamén para tomar impulso para o que queda por conseguir». Nese senso, lembrou que «houbo avances, pero menos dos que deberían darse en catro decenios». Ademais, mostrou o seu desexo de que o plan director do museo xa aprobado se converta en realidade e isto vaia acompañado dunha regulación e reforma do Panteón de Galegos Ilustres. Precisamente, a esta última demanda, tamén se referiu o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, porque, entende, «o panteón é do pobo».

Pola súa banda, o presidente da Xunta, ademais de anunciar as melloras nas instalacións, asegurou que terán en conta as solicitudes para incrementar o persoal. Núñez Feijoo indicou que o Museo do Pobo é o reflexo da sociedade galega e afirmou que dos símbolos de onte e de hoxe que alberga «brota unha cultura para o entendemento».

A vicepresidenta da deputación, Goretti Sanmartín, destacou a vitalidade dunha institución con numerosas actividades; e o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, sinalou que o museo debe ser visita obrigada para os escolares. Tamén se fixo fincapé no valor de que é unha institución que ten a súa base na sociedade civil. «Non é de ninguén e é de todos», incidiu Feijoo.