O Consello da Cultura fará unha diagnose do sector en Galicia

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Álvaro Ballesteros

Servirá de punto de partida para a Estratexia 2021 da Xunta

26 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Para poder avanzar hai que saber cales son e onde están os límites e os atrancos. Tamén no eido da cultura. Por iso, a Consellería de Educación e o Consello da Cultura Galega asinaron onte un acordo para a elaboración dunha diagnose do sector da que se servirá a Estratexia da Cultura de Galicia 2021, a carta de navegación da acción cultural galega para os vindeiros catro anos coa que converter o sector nun motor «económico e social».

O estudo será elaborado polo Consello da Cultura Galega a través do seu Observatorio da Cultura. Esta análise recadará datos dos sectores máis relevantes: edición, audiovisual, musical, artes escénicas, artes visuais, patrimonio cultural e bibliotecas, arquivos e museos e tamén recollerá liñas de actuación sobre financiamento, gobernanza, ámbito dixital e tecnolóxico, internacionalización e proxección exterior, cultura e educación, inclusión cultural, turismo cultural e a muller na cultura, entre outros.

O Consello da Cultura ten un prazo máximo de seis meses dende a sinatura para realizar a diagnose da cultura galega, que terá que estar lista a inicios do próximo ano. A institución cultural xa fixera unhas deliberacións estratéxicas entre o 2009 e o 2011 que, unha vez actualizadas, servirán como background para esta nova diagnose. Xunto con este traballo, a consellería, que quere que a Estratexia 2021 xurda dun proceso colectivo de reflexión e diálogo, porá en marcha xuntanzas territoriais e sectoriais con todos os axentes implicados.

Un valor «de primerísima orde» que traballa na súa modernización

Moi oportuna. Foi a valoración que o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, fixo da diagnose cultural que vai realizar a súa institución. Oportuna porque servirá para amañar algúns dos problemas da cultura galega, que ten que modernizarse para ofrecer «mellores servizos e produtos» aos cidadáns, aos que hai que facilitar o acceso á cultura. Unha cultura que o conselleiro Román Rodríguez cualificou de valor «de primeirísima orde» que ten que ter un papel esencial como foco de atracción a Galicia e máis coa vista posta no próximo ano santo, que terá lugar no ano 2021. Por iso a Xunta traballa nunha estratexia para que a cultura sexa un elemento integrador e motor económico e social.