«O museo do Pobo Galego naceu para conservar a galeguidade e ese motivo segue aí»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

XOAN A. SOLER

A entidade asentada en Santiago cumpre 40 anos e faino organizando varias actividades ao longo dos próximos días. O presidente do seu Padroado, Justo Beramendi, foi un dos impulsores

25 oct 2017 . Actualizado a las 09:46 h.

O Museo do Pobo Galego festexa os 40 anos da súa apertura en Santiago cun acto institucional o sábado que se engade a actividades que desenvolveu ao longo dos últimos meses e que continúan, entre outras accións, con xornadas de portas abertas do 28 ao 3 de novembro. O presidente do seu Padroado, Justo Beramendi, foi un dos impulsores.

-¿Como lembra aquel 29 de outubro de 1977?

-Foi un momento moi ilusionante porque estabamos abrindo unha nova empresa con moi poucos medios. Tiñamos unha pequena axuda do Ministerio de Cultura e veu o ministro Pío Cabanillas. Abríronse as salas de cestería, tecidos e olería. Logo fixemos unha foto na que estaban Ramón Piñeiro, Domingo García-Sabell, Xaquín Lorenzo -entón presidente-, Antonio Fraguas... Un día dos poucos que hai na vida dignos de recordar.

-A orixe está máis dun ano antes.

-A idea dun museo antropolóxico en Galicia é do século XIX pero a que deu lugar a este foi cando traballaba na Comisión de Cultura do Colexio de Arquitectos. Eu era o xerente; Carlos García Martínez, o bibliotecario; e Rafael Baltar, membro da xunta de goberno do Colexio. Un día que fomos facer fotos sobre a arquitectura contemporánea, xantando no Chocolate, en Vilaxoán, na conversa xurdiu a posibilidade de impulsar un museo deste tipo. Propuxémolo os tres e mais Manolo Gallego á xunta de goberno do Colexio, que o asumiu, e empezamos a facer xestións. Formamos o Padroado procurando que estiveran todos os galeguistas históricos que vivían daquela. Incluso Ramón Otero Pedrayo aceptou ser o presidente uns meses antes de morrer, pero cando se constituíu xa finara. Despois, empezamos a buscar un sitio e o Concello cedeu San Domingos.

-O que idearon, ¿coincide moito coa realidade actual?

-Fixemos un programa museístico moi ambicioso, demasiado para os poucos medios que tiñamos, e pouco a pouco fómolo cumprindo en parte. Aínda está sen cumprir aquela parte que incluía unhas salas dedicadas á historia de Galicia. Hoxe, no programa museográfico que fixemos hai sete anos -conxelado pola crise-, está reconvertida enfocándoa na Galicia urbana. Ademais, cando se execute o plan director -xa aprobado- poderase ampliar o museo e reformular as salas e así dar un salto cualitativo.

-Falaba de que implicaran aos galeguistas, ¿foi complicado?

-Sumáronse todos. Foi a conxunción dos vellos galeguistas cos que daquela eramos novos o que fixo posible que a cousa fose para adiante.

-¿Toma hoxe no mundo globalizado maior importancia o obxectivo de «investigar, conservar, divulgar e defender a cultura galega» do nacemento?

-Xa daquela o que era a sociedade tradicional galega, o alicerce material da identidade galega, estaba experimentando unha erosión moi rápida, non facía falta a globalización nin Internet. A sociedade galega e española cambiara moito nas décadas anteriores e estábase perdendo aceleradamente o que fora a cultura material e parte da espiritual da galeguidade. Esa urxencia era un dos motivos para crear o museo para que non se perdese de todo e, polo menos, se puidese conservar na memoria das xeracións futuras. Ese motivo central xa estaba moi presente na fundación e agora segue estando, máis aínda.

«O reto agora é garantir o relevo xeracional e modernizalo»

Beramendi cre que o museo ten dous retos que afrontar. «O máis importante é que o museo, no que atinxe á xente, está nun final de ciclo. Os que o fundamos estamos xa na porta de saída por cuestións de idade. Entón, o reto fundamental é garantir o relevo xeracional no Padroado e na dirección. Niso estamos, pero no que atinxe ao relevo na dirección do museo necesitamos que a financiamento aumente un pouco porque nestes 40 anos foi gratuíta, que creo que é un caso único no mundo. O outro reto é modernizar o museo: amplialo para introducir a Galicia urbana, porque case toda é rural e mariñeira, e modernizar as técnicas expositivas, introducindo máis elementos audiovisuais que o fagan máis atractivo», explica.

-¿Cal é o segredo para manterse e gañar visitantes e socios?

-O segredo é que tocamos unha tecla de apego da sociedade galega, ou dunha parte importante dela, aos seus propios sinais de identidade. Iso procuramos facelo sen sectarismos, sen partidismos, polo que penso que o museo conseguiu un agarimo social importante e, polo tanto, unha base de apoio -temos máis de 2.000 socios e voluntarios-. Ese reto de enraizar na sociedade penso que o conseguimos. E respecto dos de fóra, os museos deste tipo en todos os países teñen éxito porque é como poñer diante da xente o que fomos e iso sempre gusta.

-O museo é máis ca pezas...

-O referente dos que creamos o Museo foi o Seminario de Estudos Galegos de antes da Guerra Civil, unha institución que non só estudase e conservase dunha maneira estática o tradicional, senón que incidise nos problemas actuais do pobo galego. Este nunca pretendeu ser unicamente unha colección de obxectos mortos, que a xente vexa, senón que quixo ter tamén este papel activo para estar presente na vida de hoxe dos galegos.