A saúde do galego en Bos Aires

paula sabajanes BOS AIRES / E. LA VOZ

CULTURA

paula sabajanes

O ILG investiga na Arxentina os procesos de desgaleguización e regaleguización na poboación emigrante

20 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Bos Aires é como unha torre de Babel. Nestas pampas resisten e conviven en harmonía decenas de linguas importadas doutras latitudes. No 2011, a recoñecida artista plástica arxentina Marta Minujín construíu con motivo da designación como Capital Mundial do Libro unha estrutura de 25 metros de altura revestida con 30.000 libros en todos os idiomas que se falan na cidade. O galego formou parte fundamental desa torre de Babel xunto ao chinés, xaponés, italiano, inglés, francés, hebreo, árabe, quechua, guaraní e portugués, entre outros. A pervivencia deses idiomas inmigrantes é un fenómeno habitual para os porteños e obxecto de estudo para especialistas.

«Atopamos no Colexio Santiago Apóstolo un campo de estudo moi interesante», asegura con énfase o filólogo Facundo Reina Muniaín. Fala abraiado tras unha ducia de entrevistas con emigrantes, fillos, netos e membros da escola galega de Bos Aires para analizar a «evolución sociolingüística de Galicia entre desde 1950 ata a actualidade e os procesos de desgaleguización e regaleguización que se dan nos territorios da emigración», no marco dunha investigación do Instituto da Lingua Galega: «Interésanos ver como se pode desenvolver un proxecto educativo nun contexto de diáspora».

«Voume impactado, non só pola competencia na lingua e polo nivel académico, senón co seu compromiso coas orixes. Vexo que son conscientes de que a súa identidade non é só a comunidade galega de Bos Aires, nin a arxentina, nin a da Galicia territorial só. Coñecen o seu rol de ponte entre sociedades. O colexio favorece que un alumno se sinta ao mesmo tempo orgulloso de ter ascendentes galegos e dos pobos orixinarios e estude galego e lingua cando só teñen entre 14 e 17 anos. Estou moi impresionado», asegura este especialista arxentino en sociolingüística, licenciado en Filoloxía pola Universidade de Santiago.

O seu traballo verá a luz nunha publicación do ILG e na tese de doutoramento que presentará na Universidade de Bremen (Alemaña), analizando a comunidade galega de arxentina e as sinerxías que ten con outras comunidades locais como a vasca ou a británica. «O colexio ten conseguido capitalizar o feito de ser unha escola de comunidade e o nivel de pertenza que teñen os nenos non só os que pertencen á colectividade senón os que son descendentes de xudeus, coreanos, alemáns. Séntense parte dese legado cultural, éncheme de orgullo», di celebrando a saúde da lingua e imaxinando nestes alumnos a futuros embaixadores.