Un libro-cedé difunde cantos tradicionais de toda Galicia

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

SANDRA ALONSO

Trátase dunha escolma de temas que forman parte do Arquivo de Patrimonio Oral do Museo do Pobo Galego

19 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

De romances do século XII ata coplas populares. De cancións de voda ata aquelas que soaban nas segas. Xotas e muiñeiras. Unha gran variedade de composicións ata completar as 24 procedentes de toda Galicia que conforman o libro-cedé Dispostas para cantare, que publica o Museo do Pobo Galego polos seus 40 anos.

Os cantos foron seleccionados polo musicólogo Sergio de la Ossa entre o máis de milleiro de obxectos que forman parte do Arquivo de Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo, que naceu no 2007 cando Mini e Mero cederon á institución os seus arquivos persoais, nos que recollían cantos, bailes, lendas e refráns que forman parte do patrimonio galego. Un fondo que foi medrando con novas achegas co paso dos anos.

«O disco e o libro ofrecen a beleza dos cantos orixinais galegos e, ademais, documentámolos», explicou a coordinadora do APOI, Concha Losada, sobre este traballo que será entregado aos máis de 2.000 socios do Museo. Ve a luz grazas ao apoio das Bodegas Martín Códax. Onte o presidente do seu consello de administración, José Martínez, destacou que co libro-cedé «sae a luz unha parte moi importante do noso patrimonio oral». O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, incidiu na riqueza, diversidade e amplitude dos fondos do APOI. Parte deles están dispoñibles na Rede, como lembrou o presidente da xunta rectora do Museo, Manuel González.