Tolkien gardou un exemplar da obra na súa biblioteca durante 50 anos

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

18 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

J. R. R. Tolkien, o autor de O Hobbit e O señor dos aneis, entrou en posesión dun exemplar do dicionario de Valladares en 1923. Nunha das páxinas de garda da obra inscribiu as súas iniciais e o apelido, coa súa característica caligrafía, a carón do ano. O volume permaneceu na súa biblioteca persoal dende entón e ata a súa morte, en 1973, momento no que en virtude dunha doazón pasa aos fondos da Universidade de Oxford.

A pertenza do dicionario de Valladares -durante moito tempo pensábase que era o de Carré- hai que enmarcala no interese que Tolkien tiña, como filólogo, por todos os aspectos relacionados coas linguas, e que se traducía ás obras que adquiría e coleccionaba. «Meu pai posuía unha biblioteca moi extensa, na súa gran maioría consistente de traballos dunha natureza filolóxica, no seu sentido máis amplo, e moitos deles obras raras e difíciles de conseguir», explicou no 2013 o fillo e testamentario do escritor, Christopher Tolkien, a La Voz. «Alén dos seus intereses máis especializados e profesionais nas linguas xermánicas, tiña un amplo interese nas formas da fala humana e as historias lingüísticas, e a súa biblioteca contiña moitas obras sobre moitos idiomas dunha natureza histórico-filolóxica ou gramatical», engade.

En 1923 Tolkien aínda vivía en Leeds, pero visitaba con frecuencia Oxford, onde mercaba a maioría dos seus libros. O seu fillo está convencido de que todos os seus volumes foron adquiridos en Inglaterra.