Doan á RAG o manuscrito dun dos apéndices do dicionario de Valladares

Crisanto Sanmartín, encargado da imprenta do Seminario de Santiago, salvou o texto


A Coruña / la Voz

Sorprendido e ata emocionado. Así estaba onte o académico Antón Santamarina vendo o manuscrito dun apéndice do Diccionario gallego-castellano (1884) de Marcial Valladares. Esta é unha obra considerada fundamental na lexicografía galega do século XIX «e referencia imprescindible para os dicionarios elaborados posteriormente», salientan desde a Real Academia Galega, que recibiu onte o manuscrito. Este documento foi doado por María José e Crisanto Sanmartín Martínez, fillos de Crisanto Sanmartín Beiroa (1914-2000), quen traballou desde 1930 como encargado da imprenta do Seminario de Santiago. Tamén foi «cronista da agrupación folclórica Cantigas e Agarimos, na que participou como cantor, bailador, tocador de distintos instrumentos», dicía no seu número 37 a revista Raigame.

Santamarina, membro do Seminario de Lexicografía da RAG e coordinador do Dicionario de dicionarios que recolle en formato electrónico todos os dicionarios históricos galegos, explicaba a sorpresa diante da doazón, uns 30 folios escritos polas dúas caras «con esa letra primorosa de Valladares, que xa coñeciamos, deitada á dereita». O académico pensaba antes de velo que o documento podía ser algún dos apéndices que Valladares foi facendo, «cadernos nos que a partires de 1892-93 foi engadindo novas palabras ao dicionario, aínda que non se sabe en man de quen están, pero o que non se coñecía era este texto manuscrito que Valladares enviou á imprenta, suponse que en 1884».

Detallaba Santamarina que nas imprentas o normal era, despois dun tempo, tirar ao lixo os textos xa publicados. Crisanto Sanmartín viu o manuscrito de Valladares e gardouno. Os seus fillos lembraban onte como nos anos da posguerra dicíalles que este era «material moi perigoso que tiñan que ter agochado». Comentaba o fillo: «Estamos seguros de que a ilusión do meu pai sería ver como doamos o que el gardou no seu día ao sitio adecuado». Para María José, «esta doazón é a forma de conservar esta documentación e de que chegue a toda a xente que queira estudala». Na chegada deste material á Real Academia Galega colaborou o investigador Javier Jurado, estudoso do labor musical de Sanmartín Beiroa, que dicía: «Pensamos que o seu sitio idóneo, o seu lugar natural, é a Academia». E o presidente da RAG, Víctor Freixanes, agradeceu a doazón que permitirá afondar no coñecemento do traballo lexicográfico de Valladares.

Tolkien gardou un exemplar da obra na súa biblioteca durante 50 anos

x. f.

J. R. R. Tolkien, o autor de O Hobbit e O señor dos aneis, entrou en posesión dun exemplar do dicionario de Valladares en 1923. Nunha das páxinas de garda da obra inscribiu as súas iniciais e o apelido, coa súa característica caligrafía, a carón do ano. O volume permaneceu na súa biblioteca persoal dende entón e ata a súa morte, en 1973, momento no que en virtude dunha doazón pasa aos fondos da Universidade de Oxford.

A pertenza do dicionario de Valladares -durante moito tempo pensábase que era o de Carré- hai que enmarcala no interese que Tolkien tiña, como filólogo, por todos os aspectos relacionados coas linguas, e que se traducía ás obras que adquiría e coleccionaba. «Meu pai posuía unha biblioteca moi extensa, na súa gran maioría consistente de traballos dunha natureza filolóxica, no seu sentido máis amplo, e moitos deles obras raras e difíciles de conseguir», explicou no 2013 o fillo e testamentario do escritor, Christopher Tolkien, a La Voz. «Alén dos seus intereses máis especializados e profesionais nas linguas xermánicas, tiña un amplo interese nas formas da fala humana e as historias lingüísticas, e a súa biblioteca contiña moitas obras sobre moitos idiomas dunha natureza histórico-filolóxica ou gramatical», engade.

En 1923 Tolkien aínda vivía en Leeds, pero visitaba con frecuencia Oxford, onde mercaba a maioría dos seus libros. O seu fillo está convencido de que todos os seus volumes foron adquiridos en Inglaterra.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Tags
RAG
Comentarios

Doan á RAG o manuscrito dun dos apéndices do dicionario de Valladares