A poesía galega á vangarda coa mirada da muller

Miguel Sande Corral
Miguel Sande REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O Pazo da Cultura de Pontevedra vén de acoller un encontro literario impulsado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega

16 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste tempo fai falta máis poesía. Sen dúbida. Non hai máis ca ollar arredor de nós. Sempre foi necesaria a poesía, aínda que ata agora nunca se soubera explicar exactamente por que. Ese era, pode que aínda o sexa, o seu misterio. O engado. Pero nunha sociedade en transformación coma esta, cada vez máis dependente das novas tecnoloxías e da vida dixital, e nun tempo que avanza a unha velocidade de vertixe, a poesía (as artes en xeral) ha de axudarmos a ver. Con reivindicación e sentimento. Porque a velocidade impide ver; é coma ir nun tren sempre en marcha sen que se deteña en estación algunha, e este non se ha deter.

E falo, falamos, dunha poesía integrada nun mundo tecnolóxico, non fronte a el. A poesía como gran valor -a través de canles novas e diversas de expresión, que xa estamos a ver, audiovisuais, transxéneros, etcétera-, para sermos nós, muller, home, diante dos algoritmos. Falo da altura poética, desa mirada, do seu alento ou diso que o resume todo: a creatividade e o talento.

Houbo un tempo no que crin que un libro de poemas se asemellaba demasiado a un cadaleito e esas bandas dos premios arredor dos libros, ás coroas de flores e duraban -máis menos- o mesmo tempo ca estas sen murchar. Pero os novos tempos e os avances permiten novas e infindas posibilidades de expresión. No imperio da imaxe a poesía debe impoñerse, porque é iso precisamente. Porque só a poesía é quen de amosarmos o que non alcanzamos a ver por máis que abramos os ollos, insisto. Disto falamos no congreso que recentemente vén de celebrar a AELG [Asociación de Escritores en Lingua Galega] no Pazo da Cultura en Pontevedra arredor da poesía galega nos últimos corenta anos. Nós tamén navegar, tal foi o lema. Un repaso ao pasado e ao presente e unha mirada cara o futuro.

Os sons da natureza

A poesía xa non debe quedar só nun poema, que tamén. Compre estendela. Agora que está tan de moda o coaching, unha poeta, un poeta, han de acabar por encaixar aí. Ao tempo. Para nos fortalecer nesta revolución tecnolóxica tan radical que nos está a transformar. Xa se está a falar da fatiga dixital e isto non fixo máis ca comezar; hoteis e balnearios ofertan fins de semana especiais de illamento e sen conexión para só ver o mar e escoitar os sons da natureza.

A poesía como actitude de vida. A poesía aplicada a outros ámbitos, mesmo de empresa. Esa fusión. ¿Por que non? Ata no xornalismo. Esa fachenda creativa. A árbore da poesía sempre coas súas ramificacións para a arte e a vida. A poesía integrada nese mundo da intelixencia artificial. Inxerida no táctil das pantallas. Case que coma menciña -ler un poema cando se ten dor de cabeza, resulta, certo-. Porque no tempo da prevalencia da imaxe, da velocidade e da falla de memoria, a fortaleza da palabra núa, a palabra viva, ha de ser un gran valor. Necesario.

Neste congreso pontevedrés valorouse moi especialmente a aportación da muller á poesía galega última, fundamental, e á vangarda sen dúbida, e non só na poesía; mirada a delas esencial para nos enfrontar ás artes e á vida.